Caballero: "Permitir que Vox vaia entre nas institucións é permitir que unha hidra se vaia estendendo no sistema político"

Suxire a Feijóo que "se dea de baixa" do PP se o seu partido "permite a entrada" de Vox na Mesa do Congreso

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, suxeriu que se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é "coherente coas súas palabras", deberá "darse de baixa do PP" se os deputados do seu partido "permiten a entrada de Vox" na Mesa do Congreso durante a sesión constitutiva das Cortes, que se celebrará este martes.

Así o expresou o líder de filas dos socialistas galegos este luns, dous días despois de que Feijóo, nun acto da súa formación en Santiago, cargase contra un PSOE que "depende" de Podemos e os independentistas para logo engadir: "Nunca pensarei que o PP vaia a depender dos extremos e dos independentistas porque, se algunha vez así fóra, eu tería que pedir a baixa do PP".

Nunha rolda de prensa en sede parlamentaria, Gonzalo Caballero insistiu en que a xornada de constitución das cortes será "a proba de lume" do presidente galego. "Se Feijóo di que non vai estar nun PP que pacta cos extremos, mañá debe dicirlle aos seus deputados que voten 'non' á entrada de Vox na Mesa do Congreso ou darse de baixa do PP se é coherente coas súas palabras", reiterou.

En caso de non facelo, o líder popular demostrará "o seu cinismo" e terá que dicir aos galegos "que engana cando fala de centralidade". "Se Feijóo quere garantir esa centralidade da que alardea, terá que facer mañá o que faría calquera conservador europeo que entende, como en Alemaña ou en Francia, que non se pode gobernar coa extrema dereita que está a entrar en España", sentenciou.

E é que, ao seu modo de ver, hai que "reducir" a entrada institucional do partido de Santiago Abascal e "acoutar o seu nivel de crecemento" no Estado: "Permitir que Vox vaia penetrando nas institucións é permitir que unha hidra se vaia estendendo no sistema político".

Gonzalo Caballero este xoves en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Gonzalo Caballero este xoves en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Que lle pregunte ao tío Abel cantos cartos cobrou a VOX polo aluguer do Auditorio Mar de Vigo con 1.400 prazas (para quitarlle votos ao PP) mentres catro meses atrás impediulle a Lidia Senra alugar o MARCO (120 prazas) para facer unhas charlas sobre Sanidade (sendo aínda eurodeputada electa de En Marea) ? O tema do AUDITORIO DE VIGO é un puro escándalo, pero Abel Caballero diso non fala ! https://flic.kr/p/fkLLxj

1 Carlos Quintanilla

Para hidra, la familia Caballero en la Universidad de Vigo. ¿Cuántos son y cómo es que casualmente hay tantos allí colocados?