Desafiuzada unha familia en Ourense con dous nenos menores por falta de pagamento de aluguer

A plataforma Stop Desafiuzamentos solicita ás administracións vivenda de emerxencia e vivenda social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

Unha familia en Ourense con dous fillos menores de idade, de 6 e 7 anos, foi desafiuzada este luns da súa vivenda situada na Avenida de Portugal por falta de pagamento do aluguer desde o mes de maio. A plataforma Stop Desafiuzamentos convocou este luns unha concentración ás 12,00 horas fronte á delegación en Ourense do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Protesta após o desafiuzamento dunha familia en Ourense
Protesta após o desafiuzamento dunha familia en Ourense | Fonte: BNG.

A familia non quixo exporse publicamente porque "se avergoñan da situación", segundo explicou o portavoz de Stop Desafiuzamentos, Roberto Pereira. A parella formalizou no mes de marzo de 2018 un contrato de aluguer, segundo explicou a plataforma.

"Os gastos extraordinarios dos menores, a manutención familiar e o pago do aluguer chegou a un punto en que se fixeron inasumibles e tiveron que optar por deixar de pagar o aluguer", explicou Roberto Pereira.

Segundo apuntaron recibiron axudas económicas por parte da traballadora social, non obstante o que fan é "resolver un problema puntual, pero non estabilizar a súa vida". "Permítenlles facer fronte á falta de pagamento un par de meses, pero nada máis", sinalou Pereira.

A plataforma Stop Desafiuzamentos encargouse de atopar unha saída a curto prazo para esta familia que leva meses nesta situación, no entanto dixeron ver neles "unha desesperación absoluta".

VIVENDA SOCIAL E DE EMERXENCIA

Por parte do colectivo Stop Desafiuzamentos esixiron ao Concello de Ourense e á Xunta de Galicia a posta a disposición de vivenda de emerxencia e social para estes casos. "Son as administracións as que teñen asumida a responsabilidade do dereito á vivenda e non a cumpren", manifestou Pereira.

Ao Concello de Ourense demándanlle vivenda de emerxencia para as saídas urxentes e, ademais, a creación dunha comisión de seguimento ou figura municipal que atenda a esas familias, máis aló da traballadora social.

Pola súa banda, entenden que "a Xunta ten que garantir o dereito constitucional da vivenda no territorio galego" e, para iso, o que ten que facer é "habilitar vivenda social suficiente", recalcou o portavoz de Stop Desafiuzamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta