Galicia, o país das 'mil' autovías: estamos no modelo de mobilidade adecuado?

Detrás do asfalto aniña todo un xeito de entender as comunicacións. Hai quen considera que as vías de alta capacidade son a mellor opción para vertebrar o territorio, pero tamén hai quen fala dunha "ditadura do coche" e quen propón modelos máis "ecolóxicos". Con que nos conectan e con que nos desconectan estas infraestruturas que atravesan as nosas paisaxes?

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cando Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta de Galicia, no 2009, puxo enriba da mesa un propósito claro. "Ningún galego a menos de dez minutos dunha vía de alta capacidade". Así resoaba naquel tempo o lema de que partía todo un proxecto no que se ían destinar 8.200 millóns de euros nunha década: o chamado Plan Move (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia 2010-2015). A fin última desta proposta era converter Galicia nunha "única cidade". Chegar, dicía o presidente, "á segunda modernización".

Autovía entre Santiago e Lugo. MINISTERIO DE FOMENTO
Autovía entre Santiago e Lugo. MINISTERIO DE FOMENTO

Anunciaba que se trataba dun proxecto ambicioso, onde cada quilómetro de autovía "tiña o seu sentido". Se ben dez anos máis tarde recoñeceu que non fora quen de cumprir con este plan, o Executivo chegou a construír 208 novos quilómetros de vías de alta capacidade no país. Hoxe, o territorio está atravesado por medio centenar de autovías, e detrás do asfalto, aniña toda unha filosofía, todo un xeito de entender a mobilidade. Automaticamente, as autovías e as autopistas veñan asociadas á modernidade, ás oportunidades, á inmediatez, ao crecemento. Mais, ata que punto non illan máis que vertebran? Con que nos conectan e con que nos desconectan? Que modelo de mobilidade precisa Galicia?

A 'DITADURA DO COCHE'

"Estamos nun contexto xeral de sobredotación de infraestruturas de transporte", sentenza o xeógrafo Miguel Pazos Otón. Este estudoso fala dunha "ditadura do coche" que bebe dunha cultura desenvolvementista. Para nos mover polo territorio, precisamos do automóbil particular. Dalgún xeito, o modelo que impera fainos presas del. Segundo di Pazos, apostar por un sistema baseado en autovías significa, xa que logo, solucionar o problema só a aquelas persoas que teñen coche para si e que poden permitirse ese modelo de mobilidade, que cualifica de "non sostible nin universal".

Galicia ten unha densidade de vías de alta capacidade "récord en Europa". O secretario xeral de Adega, Fins Eirexas, apela ás características territoriais galegas para concluír que non é esta a mellor solución para vertebrar Galicia. "A construción de tantas autovías está xustificada para determinados grupos políticos e económicos que teñen detrás importantes corporacións de intereses privados e empresariais de construtoras". En sentido contrario, o director da Axencia Galega de Infraestruturas (órgano da Xunta), Francisco Menéndez, recorre tamén a orografía, pero neste caso, para respaldar este tipo de vías: "Nun territorio tan espallado, son as autovías as que teñen que garantir o acceso de todas as persoas aos servizos".

Autovía do Morrazo
Autovía do Morrazo | Fonte: © Miguel Núñez.

En termos ecolóxicos e ambientais, o modelo deixa que desexar, aínda que en seguridade, as autovías gañan ao resto de estradas. Para a enxeñeira de camiños, Margarita Martínez, hai máis necesidades de mantemento e reparación ca de construción. Di que á hora de afrontar a mobilidade, tanto Galicia coma o resto do Estado puxo as autovías nun "lugar preferente". "Hoxe somos máis conscientes de que o transporte por estrada ten moitas vantaxes, pero tamén moitos invonvenientes. Aínda así, non é fácil separarse desa inclinación cara a elas". Nesta cultura do coche movémonos todos. "Ás veces os políticos fan as cousas mal, pero os cidadáns tamén. Se lles pedimos estradas, intentarán darnos estradas", relata. 

MODELO PERIFÉRICO

Autopistas e autovías cruzan as nosas paisaxes. Unen á vez que separan. Son contraditorias: vías que comunican e que provocan incomunicación alá por onde son construídas. O profesor Pablo Arias Sierra deixaba escrito no libro Periferias y nueva ciudad (2003) que as vías de alta capacidade son "feridas" na terra. Mentres que as antigas estradas supoñen un elemento de convivencia compartida e as súas trazas respectan a topografía, as novas autopistas rompen o diálogo co territorio, dicía. Así pois, os significados destas vías inseridas na paisaxe rural son "o illamento e o anonimato".

E cara a onde nos levan? "Apostouse por un modelo radial Madrid - periferia", sentenza Eirexas. No canto de conectar o país internamente, deuse prioridade, segundo explica, a un modelo capital - provincia que en toda Europa "xa está superado e leva 20 anos caducado". A separación, daquela, entre as zonas rurais, periurbanas e urbanas faise máis patente. A transversalidade, o deseño a distintos niveis, son os camiños que marcaría Eirexas. Para el, o modelo ideal que avivaría as comarcas sería o seguimento da norma da franxa costeira da Mariña, onde os camiños de ferro vertebran toda a zona.

OS IMPACTOS AMBIENTAIS

Se Arias Sierra di que son "feridas" no territorio tamén é polo impacto ambiental que provocan, non só as súas construcións senón tamén o tráfico, o ruído, as verteduras aos ríos... "Fixéronse tropelías", recoñece Martínez. Galicia aínda ten na mente as imaxes capturadas pola fotógrafa Anna Turbau das protestas veciñais á planificación da AP-9. Máis de corenta anos despois, as queixas non mudaron. Ao illamento súmase a falta de protección á natureza.

Na zona de Melide, a autovía está trazada sobre a Zona de Especial Conservación Serra do Careón. "Leva por diante plantas en perigo de extinción", critica Eirexas. Outro caso: no tramo da Vía Ártabra entre Oleiros e Lorbé as obras tamén afectan ao patrimonio da zona. "Teñen que soterrar un río e entubalo máis de 400 metros", conta agora o membro da Asociación Veciños do Cambre Afectados por Infraestruturas, Amancio Sotillo. Neste caso, o proxecto nun principio non supoñía tal impacto, pero mudouse, intúen, para que a infraestrutura comunicara a urbanización de Xaz coa Coruña. E outro máis: a A-76, Autovía da Ribeira Sacra, tamén atravesa espazos de gran valor. Segundo Eirexas, "vai estragar parte da Ribeira Sacra" e mesmo "pode poñer en perigo a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco". Son estes algúns dos exemplos máis impoñentes, mais... "é a realidade que temos".

CARA A UNHA MOBILIDADE MÁIS SUSTENTABLE

"Cantas veces eu quixen desprazarme en tren a outros puntos de Galicia ou de España, e finalmente optei polo coche ou polo avión porque non podía permitirme perder un día na ida e outro na volta...? Isto non sucede en Alemaña ou Suíza, por exemplo, onde viaxar entre cidades e pobos con camiños de ferro é rápido e barato", reivindica Margarita Martínez. Dende Adega tamén instan a poñer os ollos nos modelos doutros países. Na asociación levan tempo criticando a planificación de certas autovías que ven "inxustificadas". E fronte ao que consideran un modelo "lesivo para a economía galega", propoñen trasladar a atención do automóbil e das autovías aos camiños de ferro e o transporte colectivo, que quedou "relegado" a un segundo plano.

Dende a Xunta falan de ambos modelos: por unha banda, consideran que os ferrocarrís son "moi ríxidos" no que se refire aos puntos de servizo que proporcionan. Pola outra, Menéndez asegura que hai un plan de transporte público interurbano que se está renovando completamente e que está afrontando a problemática do avellentamento da poboación no rural. Nomea tamén o transporte escolar compartido e a demanda. Unha "revolución", di, "sen facer moito ruído, pero moi importante no día a día". Tanto o xeógrafo Pazos Otón como Eirexas ven os pasos dados insuficientes: "non existe" un sistema de transporte público conectivo que funcione ben, porque non vertebra o conxunto do territorio galego.

"Necesitamos un cambio de paradigma", sentenza Martínez. Comezar a movernos en termos máis ecolóxicos e ambientais, co transporte colectivo á cabeza, para reducir a pegada contaminante da mobilidade particular. Para esta enxeñeira de camiños, "sen dúbida" hai vontades de cambio de cara ao futuro. "Todo leva o seu tempo e todos temos que cambiar, pero a mobilidade e a sustentabilidade están no centro do debate". Non pensa igual Pazos, que na práctica, di que as autovías son o máis eficaz: "saen nos medios, dan votos e venden moito". 

Hai quen quere vías de alta capacidade a dez minutos. "Eu querería que todo galego tivera preto un hospital, unha escola... Eu querería iso", retama Fins Eirexas ao teléfono. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Eu penso,que tarde piaches...cando a Xunta esta apique de MUDAR,non e hora de LAMENTOS...