Temas: MODA

Georgia Amor, a muller do turbante

Esta deseñadora de interiores da Costa da Morte, atraída polo mundo da moda dende cativa, especializouse en complementos como cintos, tocados e turbantes. Montou a súa propia marca, "Bendita la Hora", que conta con clientes de todo o mundo grazas á comercialización online.

Por Paco Gallego | Galicia | 29/07/2012 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A muller do turbante domina totalmente a estancia. O fume do tabaco cúbrea formando un veo que impide fixarse detidamente nos rasgos do seu rostro. As mesas abarrotadas de xogadores de cartas asisten inconscientes aos seus movementos tranquilos, en tanto a luz das lámpadas colgantes desfigura as poses de homes, mulleres e mans encartadas. Aproximámonos. O vestido negro realza, máis que oculta, a súa figura. Triste ou melancólica. Pensativa ou ausente. Georgia mírame sorrindo. Bendita hora...

Tocado malva cinza
Tocado malva cinza

GC Tendencias: Bonito vestido...

Georgia: é de Soleil, unha marca que vende Chus Facal na súa tenda Vaivén (A Coruña). Pero misturo cousas de todo tipo. De Inditex, de mercadillo...tanto me ten se gosto da roupa...Non me considero elitista na elección do meu vestiario...

GC Tendencias: Que é Bendita la Hora?

Georgia: É unha firma de complementos que dende o seu inicio pretendeu abranguer outros aspectos da moda. Proveño do mundo da decoración de interiores, pero a miña familia adicouse sempre á moda. Tíos e tías xastres e costureiras. Son de Malpica, na Costa da Morte. Crieime entre patróns de costura. 

Tocado rosa de encaixe
Tocado rosa de encaixe

GC Tendencias: Unha nena que non xogaba con monecas, semella...

Georgia: Non como as outras nenas. Eu xogaba a vestilas. De maior, comecei a facer cousas, pero para amizades e familiares. Chegou un momento en que centralicei as enerxías en focalizar os meus traballos nunha marca. Creei un porfolio e púxeno en internet. Atraíu a atención de blogs especializados. De cara ás primeiras entrevistas, fíxenme a min mesmo unhas fotos coas miñas creacións. Complementos, como tocados e  turbantes. Unha liña máis étnica...

GC Tendencias: Estás en tendas ou só traballas online?

Georgia: Si, pero teño a política dunha tenda por cidade. Agora estou presente con Chus no seu novo Vaibén, que está no centro da Coruña, na rúa San Andrés. Interésame ter unha relación proactiva coa persoa que vende as miñas creacións. Gústame que o meu traballo encaixe coa liña da tenda. Fabrico bastante baixo pedido e fago moitísimas pezas únicas. Feitas de maneira artesanal, o cal explica que non haxa pezas iguaias a outras. Teño feito noivas, isto é, pezas exclusivas para que levan o día da súa voda. Isto faise con moito "secretismo"...

GC Tendencias. Ti es a túa propia imaxe.

Georgia: Si. Sempre son eu, é o meu rostro. Quizais é o único que se mantén invariable. De todas formas, comeza a aburrirme isto de verme sempre a min mesma, así que a medio prazo vou ter que cambiar isto...

GC Tendencias: Como te chamas realmente, se mo queres dicir?

Georgia: Georgia -como o Estado- Amor Haz...Este último apelido é moi da Costa: Muxía, Malpica...

GC Tendencias: Pero o teu nome non se usa...Es ti mesma como unha marca...

Georgia: Nas miñas tarxetas emprego sempre a imaxe de cabeceira da miña web. 

Web de Bendita la Hora

Facebook de Bendita la Hora

Georgia envíanos imaxes e máis imaxes das súas creacións. Aí, mirando, sempre está ela. Triste ou melancólica. Pensativa ou, quizais, ausente...

Álbum de imaxes de Bendita la Hora:

 

Gorro astracán gris
Gorro astracán gris
Conxunto antelina
Conxunto antelina
Pel de potro marrón
Pel de potro marrón
Temas: MODA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

3 Galego falante

O franquismo sociolóxico sempre defendeu -e defende- que o galego non serve para a medicina, o dereito, as matemáticas, a filosofía, a arquitectura...etc....Agora seica o nacionalismo sectario tampouco cre que sirva para falar de turbantes. Só debe servir para falar daquilo do que gostan os "auténticos" nacionalistas, como vemos todos os dúas nalgún medio galego dixital que non atopa o seu sitio precisamente por exclusivizar sectariamente a información que publica. Cada quen aparece no lugar que se merece. http://codigocero.com/Top-100

2 Master

Non che entendo Propaganda...A entrevista está en galego e a rapaza é galega.....Pero non quedáramos en que o galego DEBE gañar espazos? Non se pode, logo, falar de "fútbol español" en galego? de cine español -ou inglés, ou alemán ou polaco..- en galego? de literatura non galega -Proust, Cortázar ou Wolfe..- en galego? Que queres que se fale en galego?

1 Propaganda

Que bem! Mais propaganda de empresas que empregam exclusivamente o castelão...