Por que marchan os mozos de Galicia?... Estas son as pobres cifras que a Xunta inviste en investigación

Destina menos da metade da media do PIB de Europa a investigación. Nos últimos dez anos non incrementou nada as axudas e investimentos a I+D, a pesar de que aumentou o número de mozos que se forman nestas áreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2019 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

Milleiros de mozos marchan todos os anos de Galicia na procura dun futuro mellor. Moitos deles son especialistas e licenciados en áreas económicas importantes como a investigación ou a innovación. Pero, a Xunta destina moi pouco, en comparación coa media do estado e da UE ao sector do I+D.

Innovación
Innovación | Fonte: Europa Press

Así, o Goberno galego destinou o 0,94% do seu Produto Interior Bruto (PIB) a I+D no ano 2018, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE). Esta cifra está por baixo da media española, que dedica o 1,18% do PIB a I+D, á vez que está lonxe do destinado na Unión Europea (o 2,12%), pois o dato galego supón menos da metade.

Ademais, o que dedica a Comunidade galega a I+D mantense invariable en comparativa con 2017, á vez que é similar ao que xa se achegaba ao comezo desta década, sen incremento tras o paso dos anos.

No tocante á formación, o 47,7% dos galegos de entre 24 e 34 anos contaban en 2018 con educación terciaria --na última etapa do proceso de aprendizaxe académica e traxectorias formativas post-secundarias--. Aquí dáse o caso de que este indicador está en Galicia 3,4 puntos por encima da media española e 7,7 puntos mellor que na UE.

O indicador de formación permanente --poboación de 25 a 64 anos que participou nalgunha actividade formativa ao longo de 2018-- atópase no 10,4% en Galicia, é 0,1 puntos inferior ao conxunto estatal e 0,7 puntos menos que a media europea.

INNOVACIÓN EN EMPRESAS E EMPREGO

Pola súa banda, o gasto das empresas en innovación que non sexa de I+D supón en Galicia o 0,38% da súa cifra de negocios --en empresas de 10 ou máis asalariados-- en 2016, o último dato dispoñible. Está por baixo do 0,42% de España e do 0,86% da UE.

Ademais, o 13,7% das empresas galegas con máis de 10 asalariados realizaron vendas de proxectos novos --que supón a creación de tecnoloxías punteiras ou a difusión destas tecnoloxías--. Está por encima do dato europeo (o 13%), pero é menos que o de España (o 19,3%).

No tocante ás pemes, o 13,8% delas realizaron innovación interna, menos que no caso de España (14,5%) e da Europa dos 28 (o 28,1%). Respecto ao emprego, o 10,2% dos ocupados galegos realizaba en 2018 o seu labor en actividades de coñecemento intensivo --actividades nas que máis dun terzo posúen unha titulación superior--. É menos que a media española (12,2%) e da UE (14,4%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Ou sexa, que según o autor da noticia, se os mozos emigran de Galicia, é porque a Xunta non inviste mais en ID. Pero eso é algo que non está demostrado, e, xa que logo, a noticia é claramente manipuladora. Ninguén demostrou que se houbese mais inversión en ID, habría menos emigración de xente cualificada. Algúns periodistas non manexan ben a lóxica.