"Funeral simbólico" no Hospital de Verín en memoria dos servizos pechados

Os populares galegos rexeita recuperar o servizo de paritorio no Hospital de Verín e esta decisión provoca a rebelión do PP de Ourense contra Feijóo: "Ten que rectificar". Os traballadores e a veciñanza de Verín, pola súa banda, continúan co peche no hospital.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/12/2019 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Traballadores do Hospital de Verín acompañados por veciños da comarca realizaron este mércores un "funeral" simbólico, en memoria dos servizos pechados ultimamente. Durante o responso fíxose referencia ao peche do servizo do paritorio, as urxencias pediátricas, dermatoloxía, medicina interna, coidados paliativos e, proximamente, a cociña. Ademais, algunhas mulleres portaron necrolóxicas nas que podía lerse 'O servizo de quirófano lémbrache á espera de ser os próximos'.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.. XUNTA
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta.. XUNTA

 

Durante a concentración púidose ver un cadaleito, varios centros e lápidas coa mensaxe 'Rezade por nós' que, posteriormente, foron depositados ás portas da xerencia do hospital. Así mesmo, tamén contaron cun home disfrazado de cura que manifestou "de modo xocoso", a situación de "morte en materia sanitaria" á que se enfronta o rural ourensán.

 

Mentres, o peche continúa activo de maneira indefinida, segundo trasladaron algúns dos concentrados a Europa Press. Decenas de persoas volveron pasar a noite no interior do centro e a xornada deste mércores discorre nun ton máis tranquilo, despois das advertencias do xerente do Hospital de Verín, Miguel Abad.

 

Ademais, a Marcha Mundial das Mulleres convocou manifestacións durante a tarde deste mércores en toda Galicia como un chamamento ao feminismo para responder ante o que cualifican de "agresión institucional". En concreto, en Verín terá lugar ás 20,00 horas no exterior do hospital.

 

O PP NON MUDA A POSTURA

 

O Grupo Parlamentario Popular votou este mércores en contra dunha iniciativa do BNG que pedía emendar as deficiencias existentes en varios servizos do Hospital comarcal de Verín e recuperar de forma "inmediata" o paritorio.

 

Os populares galegos ratificaron este mércores o seu rexeitamento a unha proposición non de lei que foi debatida a última hora do martes, cando toda a oposición cargou contra a decisión do Sergas de suprimir o servizo de paritorio de Verín e avisou de que, despois deste peche, virán "outros recortes" no resto de centros comarcais. En concreto, foi a deputada nacionalista Noa Presas quen defendeu unha iniciativa que pedía restituír servizos neste centro e que incluíu, a través dunha autoenmenda, o asunto do peche do paritorio de Verín xa que fora rexistrada antes de coñecerse a noticia.

 

Na súa intervención, Noa Presas acusou o Goberno galego de "xogar coas nais" desta comarca que, segundo indicou, "deben ter os mesmos dereitos" ca outras. Ademais, criticou que a Xunta recorrese "á política do medo" para xustificar a decisión. "O que é o colmo é que tenten tomar as nais e os profesionais por imbéciles", manifestou a parlamentaria, que considerou que "a primeira gran mentira" é que "esta sexa unha decisión técnica". "É unha decisión política, de Feijóo, de Almuiña e do PP", subliñou.

 

"Ten narices que un goberno que precariza o persoal, que lle fai facer quilómetros, que o ten en condicións absolutamente abusivas... Ese mesmo goberno di que é pola falta de pericia dos profesionais", criticou Presas. Ademais, considerou que as escusas e a xestión deste asunto por parte do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, "roza o absurdo". "E dinos que non é un infarto, que é un parto. E dio nunha provincia na que non hai servizo de hemodinámica", censurou.

 

NOVOS RECORTES

 

Nesta liña mostráronse todos os portavoces de sanidade da oposición. Así, en primeiro lugar, Davide Rodriguez (En Marea) urxiu a Xunta a "cesar" a súa política de "desmantelamento" e a reunirse coa comunidade hospitalaria de Verín. "Que opinan disto os deputados do PP de Ourense despois de ver os alcaldes do PP manifestándose a favor de que se manteña o servizo?", preguntou.

 

Tras iso, o socialista Julio Torrado asegurou que por parte da Xunta hai "unha planificación sistemática e ordenada de redución de servizos nos hospitais comarcais". "Non é que vostedes recorten, é que parece que gozan facendo sufrir á xente", lamentou o parlamentario do PSdeG.

 

Nesta liña, Eva Solla (Grupo Común da Esquerda) lembrou que o PP aseguraba que a modificación da Lei de Saúde "serviría para mellorar a calidade e para achegar os servizos á cidadanía". "Nós dixemos que para o que ía servir era para continuar baleirando servizos", argumentou. Tras iso, considerou que o PP "non cre no rural" e sinalou que se ela mesma fose deputada do Partido Popular sentiría profundamente avergoñada" desta decisión.

DIVISIÓN DENTRO DO PP

A decisión da Xunta de pechar o paritorio do Hospital de Verin acaba de producir unha importante división dentro do PP. O presidente provincial do PP de Ourense e responsable da Deputación, Manuel Baltar, pediulle este martes á Xunta de Galicia que "rectifique" esta decisión.

Deste xeito, Baltar desmárcase de Feijóo, co que dixo falar para trasladarlle "a decisión de porse en contra do peche do paritorio do Hospital de Verín". "Unha vez se produce a realización efectiva da medida, como representantes públicos temos a obrigación de defender os intereses de Ourense por encima de calquera outro", recalcou Manuel Baltar.

Neste contexto, entendeu que "tecnicamente é posible xustificar a medida", pero aludiu a que nesta decisión tamén entra en xogo "o corazón". "O sentimento da xente vímolo o pasado sábado nas rúas de Verín e recibímolo nas semanas anteriores cando se deu a coñecer a decisión", recalcou.

Así mesmo, decidiu "non entrar no debate" de se se está xogando ou non coa sanidade. Ademais, referiuse á "respetabilidade" dos criterios técnicos avalados por profesionais que "non son sospeitosos de militar no PP". Agora ben, incidiu en que "a política é algo máis que criterios técnicos".

"Desde o minuto un compartimos a decisión de non aceptar esta resolución do Goberno autonómico", sinalou Baltar, en alusión á unión que mostraron os alcaldes de todas as formacións políticas, incluído o PP, pertencentes á comarca de Monterrei. Do que se trata, segundo as súas palabras, é de "ser consecuentes e coherentes cunha demanda social". "A política ten que salvar estas situacións, non estamos a falar de ampliar servizos sanitarios que non existían, senón de manter os que xa había", concluíu.

PLENO DE VERÍN

Na mesma liña, o pleno do Concello de Verín aprobou este mércores por unanimidade de todos os grupos presentes na institución (PSOE, BNG e PP) unha declaración institucional contra o peche do paritorio.

O texto, que será enviado á Consellería de Sanidade, manifesta un "rexeitamento frontal" á decisión relativa ao hospital de Verín e mostra o seu "apoio ou recoñecemento a todos os profesionais da sanidade pública" que desenvolven o seu labor alí, con "gran eficiencia e profesionalidade".

REUNIÓN COA VALEDORA DO POBO

Así mesmo, durante a tarde deste mércores tres matronas, algunha embarazada e o xefe de Obstetricia de Verín, o doutor Javier Castrillo, teñen previsto entrevistarse coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández. A partir das 18,30 asistirán ao Parlamento galego para presenciar unha pregunta do grupo socialista relativa á "perda progresiva de servizos no Hospital de Verín".

DENUNCIA

Pola súa banda, o Sindicato de Enfermaría presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense polo peche do paritorio do Hospital de Verín. Respecto diso, advirte de que o paritorio de Verín atópase a 75 quilómetros do hospital de referencia localizado en Ourense. "Por tanto, os argumentos sobre o descenso de partos non tería o peso suficiente para o peche deste servizo", sinalou a secretaria provincial de Satse en Ourense, Pilar Oviedo, nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta