A exmuller dun procesado por intento de homicidio: "Pegoume ata oito veces cunha tixola"

A Fiscalía solicita para el dez anos de cárcere.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2019 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

A exmuller do acusado dun delito de intento de homicidio o pasado día 2 de xaneiro de 2017 en Castrelo de Val declarou este mércores que o imputado lle pegou "ata oito veces cunha tixola en distintas partes da cabeza".

Audiencia Provincial de Ourense
Audiencia Provincial de Ourense | Fonte: wikipedia

A Audienca Provincial de Ourense acolleu este mércores a primeira das dúas sesións do xuízo contra un home de nacionalidade portuguesa, J.O.A., para o que a Fiscalía solicita 10 anos de cárcere por tentar matar á que era por aquel entón a súa parella.

A suposta vítima relatou que se atopaba na cociña do domicilio cando J.O.A. entrou "sen facer ruído, agarrouna polos pelos e golpeoulle a cabeza contra o fregadeiro". Neste momento, a muller manifestou que lle suplicou" que a deixase porque lle estaba facendo dano", sinalou.

A continuación, describiu que o acusado a forzou a colocarse boca abaixo no chan" e, cando "conseguiu darse a volta", J.O.A. "golpeouna cunha tixola que quitou do interior do forno, ata que se cansou e marchouse á cama". "Eu quedei no chan da cociña como morta. Sangraba por todas partes e non tiña forzas para moverme", continuou a muller. A vítima contou que cando conseguiu levantarse "tentou escaparse, pero todas as portas estaban pechadas" .

A muller dixo que lle suplicou" que a leva ao hospital pero, segundo detalla o escrito da Fiscalía, non foi ata o día seguinte, 3 de xaneiro de 2017, cando o seu marido accedeu "obrigándoa a mentir e a dicir que se caeu para explicar as lesións".

Durante o interrogatorio, a muller explicou que, con anterioridade, xa interpuxera varias denuncias contra o seu marido por casos nos que lle pegou. Con todo, retirounas todas porque "el sempre lle prometía que non volvería pasar, que ía cambiar e que aínda podían ser felices", explicou ela.

"MENTIRAS"

Pola súa banda, o acusado negou en repetidas ocasións os feitos dicindo que "só son mentiras" da súa muller. Ademais, segundo quedou de manifesto por parte dos letrados e o Ministerio Fiscal, J.O.A. incorreu en varias contradicións con respecto á súa declaración anterior tomada en Verín.

Pola súa banda, o avogado de J.O.A. tentou defender a súa inocencia ao basearse en que o acusado padece esclerose múltiple desde hai 15 anos, e en que no momento de ingresar en prisión "xa empregaba unha muleta" para xustificar que o procesado non tiña naquel momento "tanta forza nos brazos".

PENAS

Por estes feitos, o Ministerio Fiscal solicitou este mércores a imposición dunha pena de prisión para o acusado de 10 anos e que se lle prohiba achegarse a menos de 300 metros da vítima, do seu domicilio ou lugar de traballo, durante 15 anos. Tampouco poderá comunicarse con ela por ningún medio.

Pola súa banda, a acusación particular pediu 13 anos de prisión por un delito de asasinato en grao de tentativa co agravante de parentesco. Ademais, solicita que durante 18 anos se lle impida ao acusado achegarse a menos de 500 metros da vítima. O letrado tamén pediu 24.000 euros en concepto de responsabilidade civil.

Mentres, o avogado da defensa solicitou a libre absolución e, de non ser o caso, falou de maneira subsidiaria dun delito de lesións para o que solicita a pena de prisión de entre 2 e 5 anos, sen determinar a responsabilidade civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta