Retos da Constitución, 41 anos despois: feminismo, novas tecnoloxías e cuestión territorial

O consenso semella imposible, mais son ben delas as voces que consideran que a Constitución merece unha revisión feita dende diferentes perspectivas. Falamos con catro persoas xuristas - Carlos Pereira, Julio Fernández, Xosé Mosquera e Paz Filgueira - para achegarnos á realidade actual da Carta Magna: por onde habería que comezar a reforma?

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/12/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Coa perspectiva do tempo ás costas, a maneira en que hoxe a sociedade ve e entende a Constitución é moi diferente de como a vía e entendía naquel ano 78 en que sete señores ben traxeados afrontaban o reto de redactar a norma suprema do ordenamento xurídico do Estado. Facíano aínda co pouso pesado do franquismo sobre as ombreiras. A pluma que escribía aquelas leis tiña moi recente unha ditadura e por diante a xestión dun momento convulso, histórico, de cambios: a Transición, unha Transición que non se sabe aínda hoxe ata que punto foi tal Transición. 

Adolfo Suárez coa UDC tras a aprobación da Constitución polo Congreso dos Deputados
Adolfo Suárez coa UDC tras a aprobación da Constitución polo Congreso dos Deputados | Fonte: constitucion40.com

Aquel texto nacía un 6 de decembro, tal día coma hoxe 41 anos atrás, para construír os alicerces da democracia na que agora vivimos. No seu momento cumpriu coas súas necesidades, mais na actualidade son moitas as persoas que defenden unha reforma que a adapte aos novos tempos. Nestes últimos anos, a Constitución anda na boca de todos, mais ninguén deu aínda o paso de abordala dende perspectivas diferentes. Das súas fortalezas e das súas eivas falan aquí catro persoas expertas na materia: Carlos Pereira e José Julio Fernández Rodríguez, catedráticos de Dereito Constitucional na USC; Xosé Mosquera, histórico galeguista e profesor universitario en Ourense; e Paz Filgueira, xuíza especializada en violencia de xénero.

UN BARCO QUE SÓ NAVEGA EN AUGAS MANSAS

"A Constitución do 1978 é coma un barco que con boa mar, ou cun pouco de mareira, vai indo, pero cando vén a gran borrasca do suroeste, non dá feito". Así é como a define o catedrático Carlos Pereira, que argumenta que a principal fortaleza do texto foi a Transición: "Ningún gran grupo social, ningún territorio, se sentiu particularmente ferido nin perseguido". Segundo di, entre as súas páxinas hai unha boa manchea de artigos que son bos e que non se deben descartar. Semellante pensa José Julio Fernández, que asegura que foi válida e que o segue sendo "en grandes partes". 

Seguindo a metáfora do mar, a Constitución axiña se atopou con 'marexada a forte marexada': redactada nun momento determinado e con vocación de futuro, deu con varias cuestións inmediatas que cambiaban o seu senso, entre elas, a entrada na Unión Europea. Isto mudou as competencias e facía preciso unha reformulación. "Hai cousas que co tempo non colleron obsolescencia política, pero outras, en cambio, si", pensa Xosé Mosquera.

Os chamados 'pais da Constitución Española'
Os chamados 'pais da Constitución Española' | Fonte: tercerainformación.es

Entre as que si, os catedráticos crean unha longa lista: a reforma do Senado, a clarificación dos repartos competenciais, a inclusión da vontade europeísta, o recoñecemento do pluralismo xurídico, político e territorial; a garantía da separación de poderes, a inclusión da perspectiva de xénero e da sostibilidade ambiental ou a adecuación á nova realidade dixital. José Julio Fernández cita tamén outras duas cuestións máis concretas: eliminar a preferencia do varón sobre a muller no artigo da sucesión da Coroa (57.1) e suprimir a denominación de 'diminuídos psíquicos, sensoriais e físicos' para se referir a persoas con diversidade funcional no artigo 49.1.

Vontade de revisión non albiscan. José Julio Fernández defende a non reforma se non hai acordo suficientemente amplo e Paz Filgueira cre que non existe ningún partido a nivel estatal que plenamente considere que o seu electorado queira unha reforma constitucional. "A día de hoxe algún aínda segue pensando que xa cedeu moito daquela, e polo tanto invoca a non modificación", pensa Xosé Mosquera. Todo é cuestión de querer... "Cando os que mandan queren, como foi co artigo 135, fano en 15 días e en pleno verán", di Pereira. 

PERSPECTIVA DE XÉNERO

A carta magna cita só dúas veces as mulleres. No 1978 a igualdade dábase por feita. A perspectiva de xénero nin se plantexaba e a voz cantante levábana eles, cousa que repercutiu na súa construción. Paz Filgueira fala claro ao respecto: "É unha redacción absolutamente masculinizada. Daquela non había lei de paridade e no Congreso non creo que houbera máis ca unha deputada. Merece un estudo sensato e rigoroso". Pide, como mínimo, o emprego dunha linguaxe inclusiva e a adaptación ao Convenio de Estambul, máis considera que a incorporación da perspectiva de xénero transversal a todos os contidos esixe un "traballo serio por parte de persoas moi cualificadas".

Xosé Mosquera tamén apela a mellorar a Constitución neste sentido para camiñar cara a igualdade real. "A linguaxe inclusiva é básica para a normalización social e da vida política", considera. Tamén defende a necesidade de desenvolver fórmulas de discriminación politiva para lograr canto antes esta loitada igualdade. Carlos Pereira adopta unha postura algo diferente: "Dubido que por reescribila de xeito que sempre poña 'deputados/as' se gañara moito na submisión do poder ao Dereito, na división de poderes ou no dereito de participación. Unha Constitución que teña vocación de se dirixir a toda a poboación, non debe asumir un plantexamento que non todos teñen a obriga de compartir".

NOVAS TECNOLOXÍAS

O entorno dixital actual é outra das cuestións pendentes, aínda que tampouco sobre isto existe consenso absoluto. Segundo Xosé Mosquera hai que adaptala, mais "a realidade constitucional está lonxe diso". José Julio Fernández considera, igualmente, que debería contemplar certas garantías para exercer os dereitos no ámbito dixital, non só no analóxico. "Ampliar a protección de datos, delimitar a robótica e a intelixencia artificial, ordenar a seguridade en sentido informático, protexer os menores no ámbito tecnolóxico... Sería interesante e avanzado introducilo no texto constitucional", sentenza.

Hoxe en día as novas tecnoloxías atravesan as nosas vidas de principio a fin. Con todo, hai quen non considera a Constitución o lugar idóneo para fixar certos dereitos relacionados co entorno dixital. Carlos Pereira ten claro que "non se lle pode pedir iso a unha carta magna que teña vontade de durar" no tempo. Ademais, pensa que cos seus actuais artigos "xa poderían razoablemente facer fronte a estes desafíos". E remata argumentando: "Se os que mandan están rendidos diante das novas tecnoloxías, por agresivas que sexan para as liberdades persoais, de pouco serviría outra redacción ou outro texto constitucional".

O certo é que o novo entorno dixital tamén modifica os parámetros da liberdade de expresión, outro dos temas problemáticos. É quizais neste punto onde a Constitución menos se cumpre. O ditado da chamada Lei Mordaza colisiona de fronte co texto. Segundo Carlos Pereira é "impresentable" dende un punto de vista constitucional e para Xosé Mosquera "reduce a calidade democrática" do Estado. A nivel social, a carta magna tamén queda curta, considera Filgueira.

DIVERSIDADE TERRITORIAL

Este é o punto máis conflitivo e entorno ao que discorre boa parte da axenda política da actualidade. A distribución de competencias territoriais, a corrección de desequilibrios e a aceptación da diversidade de identidades e sensibilidades dentro do Estado segue sendo un reto ao que non se deu unha resposta adecuada. "Os acontecementos actuais evidencian que, sobre todo no marco da financiación e independencia dos territorios históricos, a Constitución precisa dun replantexamento rigoroso e serio", remarca Paz Filgueira. 

Carlos Pereira pon o foco nun "furor recentralizador" ao que tamén fai referencia Xosé Mosquera: "Dende o interior - Madrid - teñen que facer o esforzo de entender que existe un territorio que é diverso. A diversidade non é un problema, é unha riqueza, mais aínda non deron o paso de asumila", asegura. A raíz das loitas catalás polo dereito da autodeterminación e a independencia, semella que o 'constitucionalismo' do que tanto se fala se converteu nunha "palabra-arma", defende Pereira. Cuestión que tamén percibe Mosquera: "hoxe en día hai un auténtico manoseo constitucional".

"Se isto non se revisa, no canto dunha vía, pasará ser un valado", sentenza Pereira. Hase ver que acontece no futuro: deixará de ser a solución para ser parte do problema? Serao xa?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

1 Gamela

Paz Filgueira ten unha forma moi curiosa de entender as causas da "violencia de xénero" ela afirma que a violencia contra as mulleres é unha violencia antropolóxica (?) Claro que non explica se nese adxetivo (antropolóxico) están incluídas as mulleres ou trátase exclusivamente dunha violencia exercida en solitario polos homes dende un sistema patriarcal (?) Se fixera o favor de explicarse mellor igual a redacción da nova Constitución tería que excluir á metade da poboación (?)

1 Carmen Lastra

Se soubeses algo de antropoloxía, entenderías (a pregunta é unha redundancia, pois mulleres, homes e non definidos compartimos e replicamos os valores do sistema). O problema está que igual sofres unha síndrome psicosocial (escasa empatía) e tamén educacional (desafortunada) que che impide entender as aspiracións das outras.

2 Gamela

Logo dicir que a causa da violencia contra as mulleres é unha "violencia antropolóxica" é exactamente como non dicir nada...? Equivaldría a dicir que a causa da violencia é a violencia ? Se mulleres, homes e non definidos exercen a violencia ¿exactamente para que estamos montando xulgados de violencia contra as mulleres, cando a causa desa violencia está na especie mesma? Entendo perfectamente as aspiracións de outras!

3 Praceres

A causa principal da violencia antropolóxica ou sociocultural contra as mulleres é o machismo, no que habitualmente ti insistes nos comentarios --por telo moi asumido ou naturalizado, por moito que sexa cultural-- cunha presunta equidistancia para perpetuar a desigualdade. Pode e debe corrixirse, por moito que escoza. Un xeito de superar a marxinación histórica, en casos puntuáis, é con discriminación positiva ou acción afirmativa, con leis e tribunais especializados. E aplícase para transformar a sociedade, garantir a igualdade real de oportunidades, para defender dereitos humanos básicos das mulleres, de nenos ou maiores, discapacitados, etnias ou culturas discriminadas... Acontece que, para moitos, a igualdade remata co "sálvese quen poda, que a min tocoume a sorte de nacer por riba".

4 Praceres

E non Gamela, non todo o mundo entende, nin é sensible, e menos aínda actúa contra as inxustizas do sistema. Até hai quen se molesta diante de ferramentas transformadoras. Tampouco é casual que sempre tropeces nas mesmas pedras: atacar os avances do feminismo, pregonar a liberdade para torturar touros, ir de ganchete cos que propagan a imposición do galego, ridiculizan identidades e dereitos nacionais dos pobos, defenden a caridade dos ricos... Casual tanta coincidencia con Vox?

5 Gamela

Esta semana houbo unha asociación que asinou un acordo con Citroën para proporcionarlle traballo ás mulleres vítimas de violencia de xénero, e como ten varias fábricas é posible que estas persoas abandonen o domicilio e vaian vivir fóra do alcance dos seus vitimarios (cos seus fillos) Eso é unha boa política para loitar contra a violencia! Empoderar ás mulleres permitíndolles iniciar unha vida autónoma lonxe da fonte da violencia! Mentras no xulgado de violencia contra as mulleres de Vigo os casos AMORÉANSE e o asasino de Ana Enjamio logo de dous anos aínda non foi xulgado... Digamos que hai chiringuitos que non funcionan e outras medidas que son urxentes e deberan ser incentivadas para que as cousas cambien de rumbo !!! Pero se tí pensas que debe chegar VOX para mudar as cousas... vainos sair a festa moi cara a TODAS !!!

6 Casilda

Gamela, VOX contigo e cos moitos que como ti pensan xa leva moito tempo por aquí. En momentos decisivos o postureo xa non tapa as vergoñas! A vosa festa levámola aturando moitas por séculos E XA ABONDA!!!

7 Gamela

Casilda, postureo é o que mantén a maxistrada Paz Filgueira cando á fronte dun xulgado de violencia sobre a muller, non é quen de levar a xuízo ao asasino de Ana Enjamio antes de TRES ANOS de instrución (?) Seica o xuizo comeza maña luns día 9 (a ver se é certo) Postureo son as que defendedes a multiplicación de chiringos burocráticos sen dar solucións reais ao problema... Xa abonda de que as mulleres sigan morrendo !!! Menos posicións ideolóxicas baleiras e máis dar trigo !!!

8 Praceres

Gamela es un repetitivo demagogo con intereses moi escuros. Explícocho: desde que se abre un procedemento xudicial até que se fixa a data do xuizo pasan entre 850 e 900 días de media. Consulta as memorias anuais da Fiscalía, antes de sinalar a unha recoñecida profesional implicada na loita e na concienciación social contra a violencia de xénero (será iso o que de verdade te molesta?). A dilación da xustiza non é exclusiva dunha titular ou de xulgados específicos sobre violencia contra a muller. E nos retrasos, evidentes e inxustos, terán algo que ver a complexidade dos procedementos, os tempos, a escaseza de medios e de recursos materiais e humanos. Calquera, mínimamente informado, sábeo. E se tanto te molesta a Lei 1/2014 sobre Violencia de Xénero, sáe do armario dunha vez!

9 Gamela

Resulta agotador tratar de dicir simplemente que unha maxistrada como Paz Filgueira NON PODE nin debe afirmar que a violencia sobre as mulleres é unha cuestión antropolóxica sen fundamentar a súa afirmación tan gratuíta coma se eu dixera que a violencia dos homes contra as mulleres ten a súa orixe nas guerras entre clans dende o neolítico, onde o secuestro das mulleres do clan rival era o obxectivo dos novos guerreiros para a súa transición a idade adulta! Pode ser que esta explicación teña sentido "antropolóxico" pero eu non me atrevería a facela pública, e menos dende a posición de Maxistrada de Violencia Sobre a Muller en Vigo ! Estes son os "armarios" nos que andamos todas metidas últimamente...?

10 Casilda

A maxistrada, como especialista en aplicar a lei, nada debe engadir ao que desde hai décadas está de sobra demostrado pola antropoloxía como ciencia: a violencia de xénero ten a base no poder de dominación masculina que soportamos na cultura patriarcal (Friedrich Ebert). Non precisas cansarte tanto, e menos facendo ruido para disimular a ideoloxía casposa e a ignorancia propia. Nótase moito que como macho che molesta a igualdade nos dereitos das mulleres, vas deixando pegadas inconfundibles.