Ence afirma que defenderá a concesión da súa fábrica de Pontevedra "ata as últimas consecuencias"

Un informe axencia de 'rating' Moody's considera que a compañía podería compensar o impacto dun hipotético peche da planta de Lourizán co negocio de enerxía renovable.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/12/2019 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

Ence Enerxía e Celulosa reafirmou o seu compromiso coa defensa da prórroga da concesión da súa fábrica de Pontevedra "ata as últimas consecuencias", tras a valoración efectuada pola axencia de rating Moody's nun informe no que considera que a compañía podería compensar o impacto dun hipotético peche da planta de Lourizán co negocio de enerxía renovable.

ENCE, na ría de Pontevedra
ENCE, na ría de Pontevedra | Fonte: juantiagues en Flickr.

O grupo sinala que respecta a valoración efectuada pola axencia pero subliña, tal e como anunciou na súa xunta xeral de accionistas do pasado mes de marzo, que "a empresa defenderá a concesión da planta ata as últimas instancias en interese dos seus traballadores, provedores e das máis de 5.000 familias que dependen do seu funcionamento".

Así, destaca que a súa actividade industrial se rexe polos máis altos estándares de responsabilidade ambiental e que parámetros da fábrica "melloran amplamente as máis esixentes normas e autorizacións ambientais europeas e españolas".

Ademais, sinala que desde 2014 a fábrica de Pontevedra conta coa etiqueta ecolóxica Nordic Swan (ecoetiqueta oficial dos países nórdicos) por cumprir cos máis esixentes criterios de respecto ambiental, e que en 2015 a Comisión Europea concedeu a Distinción Ouro á planta en recoñecemento á súa mellora ambiental nos últimos 15 anos.

Así mesmo, valora que proba da calidade ambiental de Ence-Pontevedra son "os importantes" bancos de marisqueo no Praceres —que está xunto á fábrica—, así como nas localidades próximas de Lourido, Combarro e Raxó, ou a existencia de cinco praias co distintivo de bandeira azul da UE na área da ría de Pontevedra próxima á planta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta