Desarticulan un clan familiar de Vilanova de Arousa por cultivar e traficar con droga

Ingresan no cárcere catro dos sete membros dunha familia tras incautarse marihuana, estupefacientes, diñeiro e tres armas de fogo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/12/2019 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A Garda Civil desarticulou un punto de venda e distribución de estupefacientes en dúas vivendas de Vilanova de Arousa, onde se incautou unha plantación 'indoor' de marihuana, distintas cantidades de estupefacientes, diñeiro e tres armas de fogo.

Catro dos sete membros dunha mesma familia que foron detidos ingresaron en prisión acusados dun presunto delito contra a saúde pública.

As investigacións iniciáronse o pasado mes de setembro cando a Benemérita tivo coñecemento de que estes dous domicilios nunha parroquia do municipio de Vilanova de Arousa podíanse estar a utilizar como puntos de distribución e venda de droga polo miúdo.

Iso xeraba na veciñanza unha situación de inseguridade pola afluencia de consumidores habituais de estupefacientes que frecuentaban este lugar. Trátase de dous inmobles contiguos onde viven repartidos os membros dun mesmo núcleo familiar.

Por mor das investigacións, os axentes confirmaron os indicios e, despois dos dispositivos establecidos polos efectivos do posto principal da Garda Civil de Cambados apoiados por unidades operativas e de investigación da compañía de Vilagarcía, interceptaron a consumidores habituais inmediatamente despois de comprar a droga nestas vivendas.

O operativo culminou esta semana coa entrada e rexistro destes dous inmobles e a detención da práctica totalidade das persoas maiores de idade que vivían neles.

Nos rexistros das dúas vivendas interviñéronse "importantes cantidades" de estupefacientes, segundo destaca a Garda Civil: unha plantación 'indoor' de marihuana, con 329 plantas e máis de 4 quilogramos de cogollos; 1,620 kilosgramos de cocaína, 14,8 quilogramos de anfetaminas, 120 gramos de haxix e case 20 quilogramos de sustancia de corte.

Foron incautados tamén 58.000 euros en efectivo e tres armas de fogo: un revólver cuxa procedencia se descoñece e dúas escopetas de caza que foran roubadas en Pontevedra e A Coruña, ademais dunha motocicleta BMW subtraída en Madrid e 1.000 litros de gasoil, en garrafas, procedentes de distintos furtos na provincia.

Do total de sete detencións, tres deles foron postos en liberdade en sede policial unha vez instruídas as dilixencias e os outros catro foron presentados no Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa, que decretou o ingreso preventivo en prisión.

OS DOUS XEFES, O PAI E UN IRMÁN

A Benemérita apunta que se trata dos dous xefes da armazón, unha parella formada por un home de 35 anos e a súa compañeira sentimental de 40, xunto co pai e un irmán do primeiro deles.

Con esta operación, a Garda Civil considera desarticulado "un importante punto de venda de estupefacientes no municipio de Vilanova de Arousa, que estaba a suscitar unha especial preocupación e alarma social entre a veciñanza, onde se fornecían consumidores da comarca e mesmo doutras localidades fóra da provincia, como Lugo, Ferrol e Santiago".

Desarticulado un clan familiar de Vilanova de Arousa. GARDA CIVIL
Desarticulado un clan familiar de Vilanova de Arousa. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta