Que foi desa Galicia mariñeira potencia mundial nas embarcacións tradicionais?

A recuperación voluntariosa de embarcacións tradicionais en Galicia está axudando á pervivencia dun patrimonio en perigo de desaparición. Ese patrimonio tamén inclúe os xeitos, artes e tipos de pesca ademais das carpinterías de ribeira. Poñer en valor toda esta engaranaxe permitiría a creación dunha industria vinculada ao turismo que implementaría a economía de vilas mariñeiras agora con pouca actividade pesqueira.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/12/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Os chalanos, as dornas, as gamelas, os galeóns e outros tipos de embarcacións que antano navegaban polas nosas costas, forman parte do noso pasado económico e social. A mediados do século XX aínda se usaba o galeón nas Rías Baixas como transporte ata que as novas infraestrututras terrestres aceleraron os procesos de carretaxe e entrega.

Traiñeira de Vigo
Traiñeira de Vigo | Fonte: Culturmar

As artes de pesca e as embarcacións tamén evoluíron para deixar paso a novas tipoloxías tanto para capturar peixe como para construir barcos. Fibras sintéticas e metal apartaron a construción en madeira. As carpinterías de ribeira foron desaparecendo ata quedaren escasas testemuñas deste oficio. Logo as políticas pesqueiras da UE foron tamén reducindo o número de barcos e isto fixo que moitas naves acabasen desmontadas ou afundidas.

RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO

“Galicia ten un dos patrimonios marítimos máis ricos de Europa” sinala Ramón Nogueira, propietario de dúas dornas. “Aquí chegaron as tecnoloxías do Norte de Europa e do Mediterráneo. A dorna é de orixe viquinga, a vela latina é mediterránea, por tanto o que valía era empregado”.  Esa tecnoloxía creou embarcacións como o bote de Ribadeo, un bote de traballo, que se recuperou a partir da década de 1950 cando “Calvo Sotelo pasaba o verán en Ribadeo, restaurou un deses botes para regatas e así outras persoas imitaron o que fixo este político”.

O traballo de recuperación da memoria mariñeira tamén pasa por recuperar as vellas maneiras de fondear as embarcacións. “A foto que se pode ver na web mostra como antes se poñían as embarcacións sobre a area, hoxe ese varadoiro está debaixo do paseo marítimo da Guarda, como digo eu, soterraron a infancia de moita xente” sinala Cadilla.

Embarcacións tradicionais
Embarcacións tradicionais | Fonte: Asociación Golfo Ártabro

Víctor Fernández, da Asociación de Mariñeiros Tradicionais de Bouzas, lamenta tamén a perda de lugares naturais onde fondear as embarcacións. “Nós temos un pantalán onde amarramos as nosas gamelas, dornas e outros tipos de embarcación, mais non é o que nos gustaría”. Fernández sinala o pantalán como “un método idóneo para traer persoas, escolares e visitantes para coñeceren o mundo do mar”, aínda así, “hai lugares como antigas conserveiras que teñen espazos que poden recuperarse como fondeadeiros”.

A recuperación non pasa só por restaurar ou reconstruir unha embarcación. A documentación sobre as características, medidas, tipos de vela e de madeira que se usaba, forma parte do traballo de recuperación patrimonial. “Indo por casas de antigos mariñeiros demos con tesouros como redes de algodón, aparellos que xa había xeracións que non se vían” di Joaquín Cadilla.

Este traballo “é completamente altruista, facer as velas, recuperar as cordames, buscar en documentos, todo isto para restaurar ou construir réplicas” di Manuel García Sendón. “Tamén o xeito de navegar, porque cada embarcación tiña as súas peculiaridades para tripulala”.

APOIOS NECESARIOS PARA O SECTOR

“A Unión Europea xa avisou hai décadas que a pesca ía cambiar, reducir as capturas e por tanto había que buscar vías alternativas para as vilas mariñeiras” comenta Víctor Fernández. “A España tocóulle ser un país de servizos, ben, pois isto que nós facemos pode ir ligado a unha actividade turística como xa fixeron noutros lugares”.

“En Dinamarca a conservación ou recuperación do patrimonio marítimo é case cuestión de estado” di Ramón Nogueira, “con creación de museos temáticos”. Nogueira considera que “se o investimento nesta actividade fose máis elevado, podería crearse un tecido de postos de traballo, desde a hostalaría, carpitaría de ribeira, turismo e mesmo axudaría á preservación do bosque autóctono”.

“Hai que dicir que fomos espertando sensibilidades na administración” recoñece Manuel García Sendón. “As carpinterías de ribeira foron recoñecidas como BIC, mais o realmente importante é que poidamos matricular as embarcacións tradicionais como tal”. Este punto, a matriculación, ten como obxectivo darlle entidade propia a este tipo de embarcacións. “Podemos telas matriculadas como embarcacións de recreo, o que queremos é unha lista 0 para embarcación tradicional ou histórica” reclama Víctor Fernández.

As contías das axudas son consideradas insuficientes. “Arredor do Xacobeo investiuse en infraestruturas, recuperación de elementos históricos, pois a recuperación da navegación tradicional ou histórica tamén suporía un reforzo de cara o Xacobeo 2021 se se articula debidamente” razoa Ramón Nogueira. “A conselleira de Mar, Rosa Quintana, di que se está traballando nun plano conxunto para todo o potencial que pode dar isto” declara Joaquín Cadilla.

Polo de agora, a recuperación do patrimonio mariñeiro aínda está en fase de inicio a pesar de vinte e cinco anos de traballo. Con todo, as diferentes asociacións e persoas implicadas esperan que a administración galega entenda a importancia, tanto cultural como económica, que pode ter este tipo de actividades se se lles dá o suficiente pulo.

ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

A Guarda celebrou o pasado mes de xullo o XIV encontro de embarcacións tradicionais onde se xuntaron embarcacións de diferentes puntos de Galicia, Norte de Portugal, Irlanda, País Vasco e outros países con tradición mariñeira. “O encontro é bianual e é o noso grande evento” di Manuel García Sendón, presidente de Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. “Comezamos cos encontros en 1993 en Ribeira e de aí naceu a federación logo de conversas para a recuperación de embarcacións”.

O encontro organízase cada dous anos por cuestións de loxística” apunta Joaquín Cadilla da asociación Piueiro, que ten a súa base na Guarda e onde realizan o seu labor de recuperación material e inmaterial. “Ademais do encontro, hai que transportar as naves, hai que organizar eventos en paralelo e iso leva tempo e necesita moita organización”.

A Federación ten por obxectivos a preservación do patrimonio inmoble e inmaterial relacionado coas embarcacións marítimas e fluviais. “Nós recuperamos mesmo a palabra “piueiro” a única ata o de agora en Galicia con catro vogais nunha sílaba e que era unha pedra atada ás redes para que quedasen fixas no fondo do mar” di Joaquín Cadilla.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Bernardo

Pois o wue pasa é wue Galiza é unha potencia mundial neste eido