Falece Ramón Campos Durán, exalcalde da Estrada

Chegara a alcanzar tres vitorias sucesivas con maioría absoluta ata a súa retirada no 2007.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2019 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

Ramón Campos Durán, quen foi alcalde do concello pontevedrés da Estrada entre 1991 e 2007, faleceu este domingo no municipio á idade de 89 anos. Tras unha misa no seu recordo celebrada ás 20,30 horas deste domingo, o funeral será este luns ás 17,00 da tarde na Igrexa de San Paio.

Campos Durán conseguira por primeira vez a Alcaldía en 1991 como candidato independente. En sucesivos comicios concorreu co PP e alcanzou tres vitorias sucesivas con maioría absoluta ata a súa retirada en 2007.

O actual rexedor estradense, o tamén popular José López, manifestou en declaracións a Europa Press a "tristeza" de toda a veciñanza pola perda do alcalde "que máis anos" ostentou o bastón de mando en democracia.

De feito, López admite que tiña "unha relación moi directa" con Campos Durán. "Entrei con el en política no ano 2003", rememorou, para despois valorar que o xa falecido exalcalde sempre foi "unha persoa moi coñecida" e "moi querida".

Ramón Campos Durán
Ramón Campos Durán | Fonte: Testimonios de la Historia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta