Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/12/2019 | Actualizada ás 14:36
A líder do BNG, Ana Belén Pontón, confirmou o xiro dado pola súa formación na tradicional audiencia do monarca español para a conformación do futuro goberno do estado. "Agora a monarquía é anacrónica e está salpicada de casos de corrupción", dixo para defender a postura adoptada pola Executiva nacionalista o pasado xoves.
Así, e a pesar de que o BNG estaba convocado para os encontros con Felipe VI deste martes, a dirección nacionalista acordou non acudir. A decisión chegou logo de coñecerse que tampouco ERC, EH-Bildu e as CUP ían a asistir a ese encontro. Unha decisión que foi moi mal recibida pola dereita mediatica.
O Bloque Nacionalista Galego apuntou entón que a súa decisión "non só parte da súa profunda convicción republicana e soberanista", senón tamén por avaliar "moi negativamente" o papel que a monarquía e a figura do rei está a desempeñar no contexto actual. "Nun momento de profunda involución democrática no Estado, no que se están pondo en cuestión dereitos fundamentais e liberdades públicas, Felipe de Borbón asumiu un rol determinante neste proceso, especialmente contra as nacións que formamos parte deste Estado e contra o exercicio dos dereitos colectivos, como é o de autodeterminación, que como tales nos corresponden", subliñaba o comunicado da Executiva.
Precisamente, estes mesmos argumentos foron asumidos por Pontón que dixo que a decisión do BNG débese aos "cambios políticos e sociais" dos últimos anos. "Hoxe non compartimos a existencia da monarquía que é obsoleta e anacrónica", indicou. De feito, foi máis alá e suxeriu que esta institución non é democrática. "Queremos defender os intereses de Galicianas institucións democráticas", suliñou.
Neste sentido, tamén recoñeceu que "hai máis sensibilidade" coas formacións nacionalistas e soberanistas catalanas e vascas --hai sobre 30 deputados no Congreso-- para acordar con eles cuestións concretas, mesmo as que afecten a Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.