A Xunta destinará máis de 760.000 euros a mellorar a delegación e os xulgados de Ourense

Está previsto que este mes de decembro se adxudiquen os traballos do edificio territorial por valor de 410.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2019 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A Xunta destina unha partida de máis de 760.000 euros para realizar actuacións de mellora de eficiencia enerxética no edificio da delegación territorial e no dos xulgados de Ourense.

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, visitou este luns o municipio xunto coa delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, onde avanzou que a previsión do executivo é que os traballos se adxudiquen este mesmo mes de decembro, cun orzamento de 410.000 euros.

As obras arrincarán no primeiro semestre do ano 2020 e terán un prazo de execución de tres meses. "Os proxectos que se veñen facendo e os que se van facer teñen como fin mellorar a situación das persoas que traballan nos edificios da administración pero tamén dos cidadáns que acoden diariamente facer os seus trámites", explicou Rueda.

Entre as melloras que xa se fixeron no edificio da Xunta destacaron as accións de accesibilidade no salón de actos e a instalación de luces LED. Así mesmo, cun importe moi similar, atópanse neste momento en fase de execución as obras de modernización do rexistro que se prevé que estean terminadas antes do inicio de 2020.

Os cambios na Oficina de Rexistro permitirán "mellorar a climatización, eliminar os mostradores actuais e crear unha sala de espera, así como un sistema de distribución de quendas e postos de atención individualizada", sinalou Rueda.

Doutra banda, a Xunta ten previsto anunciar este martes a licitación das obras para a mellora da eficiencia enerxética dos xulgados de Ourense, cun investimento duns 350.000 euros. A partida irá destinada a dar resposta a unha demanda social que consiste en facer practicables algunhas xanelas que ata o momento non o eran, ademais da instalación de luces LED e melloras no illamento.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en Ourense.. XUNTA
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en Ourense.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta