Caballero ve á Xunta "desnortada" co AVE e asegura que foi o PP quen reduciu o investimento "a mínimos"

O líder do PSdeG sobre a investidura: "As forzas que se din constitucionalistas deberían facilitar un goberno" do PSOE

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2019 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou que ve á Xunta "desnortada" coa chegada do AVE a Galicia, xa que "non queren explicar" que "foi o Goberno de Mariano Rajoy" o que "deixou de facer os investimentos ao máximo posible" para finalizar a conexión coa Meseta por liña de alta velocidade.

"Non hai un só minuto de atraso no AVE que poida ser atribuído ao Goberno de Pedro Sánchez", aseverou Caballero este luns a preguntas dos medios durante unha rolda de prensa celebrada na sede do partido, en Santiago.

Neste sentido, sinalou que "os galegos saben" que durante a etapa de Ana Pastor como ministra de Fomento a porcentaxe de investimentos nesta infraestrutura "foi moito en termos absolutos" polo volume das obras, pero "en porcentaxe de execución estivo moi por baixo dos máximos".

Así, asegurou que "se está facendo todo o máximo" desde o Executivo, agora en funcións, que encabeza Pedro Sánchez para concluír as obras e o tren entre en funcionamento "con toda as garantías de seguridade". "Está todo licitado, todo en marcha", engadiu, antes de convidar aos populares a "se teñen información de que se fixo algo con atraso, que o diga".

FORMACIÓN DE GOBERNO

Por outra banda, tamén se referiu a a formación de goberno no Estado, unha cuestión que, para Caballero, debería ser facilitado por aquelas forzas "que se din constitucionalistas" e que terían que deixar que sexa investido como presidente o socialista Pedro Sánchez.

"O PSOE é a única forza en condicións de dar un goberno a España", incidiu Gonzalo Caballero, que reivindicou o seu como un partido "constitucional e constitucionalista" que supón "unha garantía dun bo goberno para España".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta