A Xunta inviste 3,5 millóns de euros no viño galego e 7 no Camiño

O sector vitivinícola galego disporá de axudas por importe de 3,5 millóns de euros no período 2020-2021 para mellorar as súas instalacións de elaboración e comercialización de viño.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 10/12/2019 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O sector vitivinícola galego disporá de axudas por importe de 3,5 millóns de euros no período 2020-2021 para mellorar as súas instalacións de elaboración e comercialización de viño.

Este é o orzamento da próxima convocatoria destas axudas, que sairá publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), tal e como anunciou este martes o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita á adega de Luar do Sil, situada no concello ourensán de Larouco e pertencente á denominación de orixe Valdeorras.

O conselleiro destacou que estas subvencións se suman ás recentemente convocadas para promoción do viño galego en países fóra da Unión Europea e que aínda se poden solicitar ata o próximo día 14 de xaneiro.

José González explicou que o importe total de ambas as liñas suma 5,6 millóns de euros e puxo en valor tamén outros traballos a favor do sector por parte da Xunta, como é a actualización do Rexistro Vitícola de Galicia, actualmente en marcha cun orzamento de 916.000 euros para o período 2019-2020.

Nesta mesma liña, o titular de Medio Rural situou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas galegas, que impulsa a Xunta e que coordina a Fundación Juana de Vega, dotada cun orzamento de 750.000 euros.

Trátase, segundo subliñou o conselleiro, de aproveitar o valor do viño para lograr "un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado", que conte con todos os axentes clave do territorio. Entre outras cousas, búscase mellorar o posicionamento do produto, de maneira especial nos mercados exteriores, reforzar a imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios e mellorar a eficacia da promoción e comercialización de produtos turísticos relacionados directamente co sector vitivinícola.

Xunta convoca os Premios Camiño de Santiago 2019, que distinguen o papel da sociedade no ámbito xacobeo. CEDIDA - Arquivo
Xunta convoca os Premios Camiño de Santiago 2019, que distinguen o papel da sociedade no ámbito xacobeo. CEDIDA - Arquivo

O CAMIÑO

Ademais, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou este martes na inauguración da xornada 'A venda cruzada nun destino turístico. Aplicación real na senda das estrelas', onde puxo de relevancia os 7 millóns de euros que a Xunta de Galicia destina a través de varias liñas de axudas para impulsar o sector turístico galego dunha maneira transversal.

Na súa intervención, Nava Castro lembrou a importancia do emprendemento no campo turístico con casos como a Senda das Estrelas, unha iniciativa que propón unha ruta turística con saída e chegada a Santiago de Compostela, pasando por lugares como Fisterra, as terras do Pindo ou a Ría Muros-Noia.

"Aglutina moito do que Galicia é e quere seguir sendo no campo turístico e, sobre todo, é tamén unha perfecta mostra dos froitos que está a dar a colaboración entre a Administración e o sector privado, na que baseamos o modelo turístico galego", explicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta