Temas: FRASEOLOXíA

(Prometer # Querer...) “Montes e moreas” ou “mundos e fundos”, equivalentes, entre outras, ó castelán “el oro y el moro”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/12/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cando alguén promete, quere, desexa... moita cousa, ata tal punto que consideramos que promete, quere, desexa... nunha cantidade ou intensidade que coidamos moi esaxeradas ou mesmo ilusorias, botamos man en moitas ocasións, e collida ó dereito desde o castelán, da locución el oro y el moro. Mais abofé (e sen prexuízo de que a secuencia fraseolóxica o ouro e o mouro poida ser integrada nun futuro como normativa por parte da RAG) que en galego temos –e non poucas– locucións de noso que dan conta dese mesmo contido. Vexamos varias delas:

Pebidas de ouro
Pebidas de ouro | Fonte: Delmi Álvarez

Prometer # Querer... el oro y el moro

Prometer # Querer... montes de oro

Prometer # Querer... montes y maravillas

{= Prometer # Querer... moita cousa e nunha cantidade ou intensidade que se resultan, ou se consideran, moi esaxeradas ou mesmo ilusorias.}

Prometer # Querer... montes e moreas

Prometer # Querer... mundos e fundos

Prometer # Querer... mundos e parafundos

Prometer # Querer... o mundo e o fundo

Prometer # Querer... mundos e moreas

[E TAMÉN]:

Prometer # Querer... montes e marafontes

Prometer # Querer... sete mundos

Prometer # Querer... a mitra

Ex.: Se fue a esa empresa porque le prometieron el oro y el moro, pero al final resulta que perdió con el cambio.

Marchou para esa empresa porque lle prometeron montes e moreas  mundos e fundos  mundos e parafundos o mundo e o fundo mundos e moreas montes e marafontes sete mundos a mitra, pero ó cabo resulta que cambiou os ollos polo rabo.

Ex.: Finalmente las negociaciones se rompieron, ya que el agente del jugador pedía el oro y el moro.

Finalmente as negociacións racharon, xa que o axente do xogador pedía montes e moreas  mundos e fundos  mundos e parafundos o mundo e o fundo mundos e moreas montes e marafontes sete mundos a mitra.

● Tamén, nesta mesma liña, probablemente menos usadas:

Prometer # Querer... as casas da Coruña # os bens dun cura

● Tamén, asociadas a contextos de uso coloquiais, familiares e populares:

Prometer # Querer... a virxe en verso # a virxe inversa # o de Deus

Ex.: Marchou para esa empresa porque lle prometeron a virxe en verso a virxe inversa o de Deus.

Ex.: Finalmente as negociacións racharon, xa que o axente do xogador pedía a virxe en verso a virxe inversa o de Deus.

▲ TAMÉN, EMPREGADAS BASICAMENTE CO VERBO QUERER OU CON VERBOS DUN ESPECTRO SEMÁNTICO SEMELLANTE:

● Podendo dar tamén a entender así mesmo que só se queren as vantaxes, beneficios ou rendementos de algo:

Querer # Pretender # Pedir... costal y castañas

Querer # Pretender # Pedir... o santo e mais a esmola && Querer # Pretender # Pedir... a rabela # a rabela e a nai && Querer # Pretender # Pedir... o sol na porta e a auga na horta # o sol na porta e a chuvia na horta # o sol na eira e a auga na leira # o sol na eira e a auga no nabal # o sol na eira e a chuvia na nabeira # o sal na eira e a auga no horto # o sol na eira e a choiva no nabal

● Axeitadas en contextos:

Querer # Pretender # Pedir... un/unha no papo e outro/a no saco # un/unha no peto e outro/a na manga un/unha no saco e outro/a no papo # un/unha no peto e outro/a na manga && [E INDA, LIGADA A CONTEXTOS DE USO COLOQUIAIS, FAMILIARES E POPULARES]: Querer # Pretender # Pedir... que lle lavar as cuncas e que se deitar con el(a)

● E inda tamén, neste caso máis ben só co verbo querer, en menor número de contextos, e sobre todo naqueles en que se interpreta que o que se quere supón unha ambición desmesurada, un abuso ou un exceso:

Querer # Pretender # Pedir... secar o mar

Ex.: Finalmente as negociacións racharon, xa que o axente do xogador pedía o santo e mais a esmola a rabela e nai o sol na porta e a auga na horta o sol na eira e a auga na leira o sol na eira e a chuvia na nabeira que lle lavasen as cuncas e que se deitasen con el.

NOTAS:

1. É de facer notar que as sete primeiras locucións (e incluso en ocasións tamén a de a mitra) que se reflicten no presente artigo se empregan así mesmo naqueles contextos en queremos manifestar que se produce algunha acción, ou que existe algo, nunha cantidade, calidade ou intensidade que exceden o que se considera normal ou ordinario (mesmo moitas veces empregando as ditas locucións a xeito de retranca ou de retruque, coma dando a entender que esa cantidade, calidade ou intensidade son esaxeradas de máis), ou ben que a información que se fornece –ou da que partimos– sobre algo ou alguén contén algún tipo de esaxeración. Exs.:

¿Sabes o que tal había de menciñas nesa nave? ¡Montes e moreas Mundos e fundos Mundos e parafundos O mundo e o fundo Mundos e moreas Montes e marafontes Sete mundos!

O seu fillo, montes e moreas mundos e fundos mundos e parafundos o mundo e o fundo mundos e moreas montes e marafontes sete mundos, pero foi estudar a Santiago e disque non aprobou nin unha.

—Seica poñendo ladrillo non hai quen lle empate. —¡Si, home, si, montes e moreas mundos e fundos mundos e parafundos o mundo e o fundo mundos e moreas montes e marafontes sete mundos!

—Non negaredes que foi o mellor xogador de toda a volta. —¡Bueno, ho, montes e moreas mundos e fundos mundos e parafundos o mundo e o fundo mundos e moreas montes e marafontes sete mundos, pero non pasou de segunda división B!

2. Polo que respecta á locución a virxe inversa, supomos que se trata dunha deturpación de a virxe en verso, inda que (cando menos no que á nosa percepción se refire) moito máis usada ca esta última.

3. Pola súa banda, e en relación coa expresión querer # pretender # pedir... que lle lavar as cuncas e que se deitar con el(a), é de facer notar que a persoa e tempos verbais dos verbos lavar e deitar, así como o clítico pronominal de deitar, variarán en cada contexto en función de quen sexa(n) a(s) persoa(s) ou ente(s) a quen se lle(s) faga o requirimento do que se quere, pretende ou pide..., mentres que, pola súa banda, o pronome átono que funciona como complemento indirecto de lavar e mais o pronome tónico final da expresión variarán en función de quen sexa o suxeito gramatical que realiza o pedimento ou emite a pretensión. Exs.:

Non chegaron a acordo, porque o ex-marido pedíalle que lle lavara as cuncas e que se deitara con el.

Non van chegar a acordo, porque a ex-muller estalle a pedir que lle lave as cuncas e que se deite con el.

Como non baixes as pretensións non vai poder ser, meu, porque ti o que queres é que che lave as cuncas e que me deite contigo, e non penso baixar tanto os pantalóns.

Cederemos tanto como sexa posible, pero non podedes pretender que vos lavemos as cuncas e que nos deitemos convosco # nos deitemos con vós, que tamén temos un límite.

4. Polo que atinxe á paremia querer unha no papo e outra no saco, cómpre dicir que, tal e como recollen Eladio Rodríguez ou Vázquez Saco, pode ser completada con e inda cobizar/querer o que queda no prato. Ex.:

Finalmente as negociacións racharon, xa que o axente do xogador pedía unha no papo e outra no saco... e inda cobizaba/quería o que quedaba no prato.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Rivas, Paco: Fraseoloxía do mar na mariña luguesa. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 1, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta