Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2019 | Actualizada ás 17:37
Investigadores do Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigación de Santiago (IDIS) conseguiron un millón de euros, do Instituto de Saúde Carlos III e da Unión Europea a través de fondos FEDER, para financiar o desenvolvemento clínico dun novo tratamento fronte o ictus agudo cerebral.
O novo fármaco, explicaron a través dun comunicado, xa demostrou, en fases experimentais, a súa eficacia para reducir as lesións que se producen tras un ictus. Ademais, ao tratarse dunha proteína humana, o risco de toxicidade é mínimo, polo que podería ser aplicado de forma ambulatoria ante os primeiros síntomas.
O estudo, que terá unha duración de 4 anos e estará liderado polo doutor Francisco Campos, realizarase en colaboración co Instituto Weizmann de Ciencias de Israel, co que o equipo do LINC leva xa tempo traballando no desenvolvemento deste fármaco.
Nas primeiras horas tras un ictus, explican os expertos, no tecido cerebral afectado prodúcese unha liberación descontrolada dun composto chamado glutamato, que causa a morte neuronal e orixina graves secuelas nos pacientes se estes non son atendidos de forma inmediata nun centro hospitalario.
O fármaco que se vai estudar neste proxecto actúa reducindo o efecto neurotóxico que produce o glutamato tras o ictus e, en consecuencia, podería axudar a reducir as lesións neuronais dos pacientes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.