Baltar mantén a súa oposición a Feijóo e advirte do "clamor unánime" contra o peche do paridoiro de Verín

Nega que os deputados ourensáns se vaian desmarcar no pleno: "Non esperen ningún espectáculo"

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 12/12/2019 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, reiterou este xoves o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de pechar o paridoiro de Verín e insistiu en que existe "un clamor unánime" para dar marcha atrás a esta medida.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (esquerda).
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (esquerda). | Fonte: Europa Press

Baltar referiuse ao parto de emerxencia levado a cabo a pasada madrugada no propio centro de Verín como "unha consecuencia deste novo escenario que hai que reverter". "É un clamor unánime", manifestou este xoves no Pazo provincial, acompañado do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Baltar recoñeceu que entende os problemas pola falta de especialistas, pero tamén matizou que "a medida que se cubran esas prazas o obxectivo claro é volver abrir e pór a disposición da comarca e da provincia un servizo tan importante como este".

Por este motivo sinalou que a falta de pediatras é unha cuestión de recursos humanos que debe ser solucionada para "evitar que o peche do paridoiro se converta nunha suspensión definitiva".

Ademais, Baltar restou importancia a acudir á manifestación en contra do peche do paritorio. "Asistir a unha concentración non é nin máis nin menos importante cando xa temos clara a declaración política e a manifestación da nosa posición", asegurou.

O seu pronunciamento é "expreso" e "contundente" e recolle "o sentimento de todas as persoas que xa se manifestaron e concentraron no seu momento". "É unha declaración de principios, con independencia de ideoloxías e partidos políticos, en defensa do medio rural", dixo Baltar.

NON HABERÁ FISURAS NO PARLAMENTO

Por outra banda, o presidente da Deputación de Ourense deixou claro que os deputados ourensáns non se desmarcarán da decisión do seu partido durante o próximo debate no pleno do Parlamento de Galicia. "Nós, como grupo político e democrático, asumimos a decisión da maioría", dixo.

Neste sentido, ante a petición de grupos da oposición de formar unha maioría alternativa no Parlamento para defender o paritorio de Verín, Baltar negou esta posibilidade. "Non esperen ningún espectáculo, como o que eles teñen dado no pasado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta