O Tribunal Superior amplía a carreira profesional ao persoal temporal, un fallo que recorrerá o Sergas

Desde a Xunta din que a carreira profesional aprobada tras o acordo alcanzado o ano pasado cos sindicatos CESM, CSIF, CIG, UGT e Satse "está plenamente consolidada e non se ve afectada pola sentenza".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/12/2019 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditaminou a obriga de ampliar ao persoal temporal a carreira profesional, unha sentenza que o Sergas recorrerá en casación, segundo informaron desde a Consellería de Sanidade.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e representantes de CSIF, CEMS, CIG, UGT e Satse  na firma do acordo sobre a carreira profesional
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e representantes de CSIF, CEMS, CIG, UGT e Satse na firma do acordo sobre a carreira profesional | Fonte: Europa Press

Sobre este fallo, tras un recurso da Asociación de Facultativos Especialistas da área de Galicia (Afeaga), desde Sanidade confirmaron que a sentenza expón "a ampliación ao persoal eventual, substituto e interino".

Con todo, apuntaron que a carreira profesional aprobada tras o acordo alcanzado o ano pasado coas organizacións sindicais CESM, CSIF, CIG, UGT e Satse "está plenamente consolidada e non se ve afectada pola sentenza".

No acordo subscrito entre o Sergas e as organizacións sindicais asinantes, ao que poden acollerse os profesionais cun mínimo de cinco anos de antigüidade, defínese a carreira profesional ordinaria como un recoñecemento cara a aqueles traballadores facultativos que desempeñaron unha formación continuada na súa traxectoria, e que adquiren unha intensa experiencia e labor investigador, máis aló do título universitario.

SATISFACCIÓN 

Desde Afeaga, destacan o que cualifican como "primeira vitoria nos tribunais contra o Sergas". Ademais, critican o acordo subscrito sobre unha carreira profesional "que pasaba por enriba dos dereitos adquiridos durante anos de moitos traballadores e que discriminaba tanto entre traballadores do Sergas fixos e non fixos como entre os traballadores do Sergas con respecto a outras administracións públicas de España".

Tamén subliñan o feito de que a sentenza estime "as pretensións" do colectivo e lembran que "uns 100 asociados" da entidade presentaron tamén demandas individuais, "solicitando que sexan recoñecidos os seus dereitos de conformidade coas circunstancias laborais particulares, aínda pendentes de xuízo", apostila.

En canto ao recurso, argumentaba, tras facer pública a súa decisión de presentalo que, en base ao acordo subscrito, "moitos facultativos con décadas traballadas para o Sergas" cobrarían "uns 150 euros máis ao mes no canto dos 750 euros ou mesmo 1.000 que lles corresponderían". Tamén denunciaban que non se lles daba "dereito a nada" aos eventuais, mentres que cuestionaban o sistema de graos establecido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta