Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2019 | Actualizada ás 18:53
Unha trintena de traballadores dunha empresa auxiliar, M3, con sede en Cartaxena (Murcia), protagonizaron unha protesta este xoves para denunciar os seus despedimentos, tras deberlles a compañía a varios deles algo máis dun mes e medio de salario por traballos para outra compañía, Imasa, nas obras de mellora que Endesa está a acometer na súa central térmica das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).
O responsable de CIG-Industria na comarca de Ferrol, Vicente Vidal, asegurou que "a situación dalgúns destes traballadores é desesperante". Algúns deles "non son de aquí" e outro "mesmo tivo que recorrer a Cáritas para poder manterse".
Os operarios denunciaron que algúns deles cobraron algunhas cantidades dos seus salarios tras pór en coñecemento de Imasa a situación que estaban a atravesar. "Pero outros non percibiron ningún tipo de salario polos cincuenta días traballados, ademais de ser despedidos posteriormente", reiterou Vidal.
O representante da CIG trasladou que "alguén se ten que facer cargo desta situación, ben a propia M3, que foi a que contratou a estes traballadores, ou Imasa, e se non hai máis remedio Endesa, que é para quen realizaron os traballos".
En paralelo, os operarios concentráronse ás portas de complexo industrial enerxético e solicitaron a colaboración dos outros traballadores para tratar de solucionar este conflito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.