Os hospitais privados pídenlle á Xunta ter "máis protagonismo" na sanidade pública

Din que xeraron uns 935 millóns de aforro ao Sergas e aseguran que os usuarios cada vez máis prefiren ir á sanidade privada. Apostan por que casos como o de Verín "non se utilicen como instrumento de guerra" política.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/12/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A sanidade privada en Galicia incrementou a súa actividade no ano 2017, ata alcanzar o 26,5% da atención especializada e hospitalaria da comunidade autónoma, nun escenario no que, con todo, produciuse unha redución da actividade concertada do Sergas. Por iso, o conxunto de hospitais privados de Galicia piden ter "máis protagonismo" na sanidade pública.

Así se desprende do informe Diagnóstico da Sanidade en Galicia 2019, elaborado por Ahosgal e presentado este venres, no que a asociación cifra en 935 millóns o aforro que supón a súa actividade para o Sergas.

Neste sentido, os integrantes de Ahosgal defenden a súa contribución ao sistema sanitario galego e ven "necesario superar debates dicotómicos" entre a sanidade pública e privada, dando "máis protagonismo" á segunda en base ao seu peso.

En canto aos datos, o estudo constata que os centros hospitalarios integrados en Ahosgal realizaron en 2017 o 28,5% das intervencións con hospitalización, o 40% das cirurxías maiores ambulatorias, o 29,8% das intervencións de Urxencias, o 20,5% dos ingresos hospitalarios e o 25,8% das consultas externas, entre outras actividades.

Fronte a este "crecemento da actividade da sanidade privada", o director xerente de Ahosgal, Rafael Serrano, subliñou que Galicia non experimentou un aumento "da privatización", xa que a actividade concertada do Sergas coas entidades privadas reduciuse un 5,5% respecto 2010. En concreto, en 2017 ascendeu a 202,5 millóns de euros, o 5,4% do gasto da Consellería de Sanidade, fronte aos 225,5 millóns de 2016.

A OPCIÓN "PREFERIDA"

Segundo Serrano, o crecemento da sanidade privada produciuse porque, "cada vez máis", é "a opción preferida polos usuarios, se puidesen elixir entre pública e privada". Neste sentido, apuntou que "a maioría dos cidadáns que coñecen os dous sistemas" prefire a privada "para ser atendida dun parto, unha urxencia médica ou síntoma que lle preocupa, como recolle o Barómetro sanitario". Con todo, decántase pola pública para o tratamento dunha enfermidade grave.

Por outra banda, apuntou que a opinión dos cidadáns galegos sobre o sistema público é "peor que a media nacional" e quéixanse sobre todo das "listas de agarda" (85%), da "masificación das urxencias" (59,9%) ou do "pouco tempo que os médicos dedican aos pacientes", as mesmas razóns polas que "están dispostos a contratar un seguro privado de saúde". Con todo, os usuarios da privada valoran "cunha nota de 8,4 a atención recibida".

Rolda de prensa de Ahosgal para presentar o seu balance de actividade.
Rolda de prensa de Ahosgal para presentar o seu balance de actividade. | Fonte: Europa Press

VERÍN

Ahosgal considera necesario ter en conta o criterio de "calidade" á hora de situarse sobre decisións como a do peche do paridoiro do Hospital de Verín, aínda que, en todo caso, apostaron por que estes casos "non se utilicen como instrumento de guerra" política.

"Os pacientes teñen que recibir a mellor asistencia posible coa mellor calidade posible", explicaron, á vez que engadiron que "cando hai profesionais sanitarios que están a dicir que, por número de partos que se están atendendo, puidese estar comprometida a asistencia de calidade", é necesario "reflexionar".

En todo caso, mencionaron o peche do paridoiro de Chaves, en Portugal, "hai moitos anos" e "sen ningunha polémica" para reivindicar que, naquel momento, "os políticos, tanto dun signo como doutro, non utilizaron como instrumento de guerra o tema sanitario", que "non ten que ver coa política".

Entre os retos deste tipo de asistencia, os representantes de Ahosgal lembraron que hai algúns puntos afastados das grandes cidades aos que "non é doado que vaian os profesionais", entre outras cuestións porque "as vías de comunicación non son moi boas". A maiores, mencionaron o "problema da natalidade", que a clase política "non foi capaz de resolver".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Moine

A politica sanitária do PP nom é outra que lhe dar os dinheiros aos seus, a sanidade privada. Para isso levam anos desmantelando a sanidade pública; mas estám no governo porque umha grande maioria dos pacientes lhes vota, pois tenhem o que elegêrom e se merecem. A chorar no cemitério.

2 Dr Bacterio

A sanidade privada en Galicia vive dos concertos co Sergas, se non fose por eses concertos non sobrevivirian. O único que fan é parasitar á Sanidade Pública e non supoñen aforro ningún senón máis gasto. A que benefician, unicamente, é ós medicos do Sergas que, de modo ILEGAL, tamén traballan na concertada atendendo a doentes incluídos nos concertos ( O que , repito, é ILEGAL )

1 arruinadores & golfius

O que piden son mais subvencions... o mellor e borralos do mapa!!! exterminalos as cascudas tiranlle insecticidas e non fan tanto mal...

1 Xabregas

O que tén a sanidade privada é un XERENTE de peso: o presidente Feijóo. Se @s galeg@s o cesan en 2020 e llo deixan de pagar, a sanidade privada tenderá a cero. Desaparecerán os escándalos que estamos vivindo dìa si e dìa tamén e todo voltará á normalidade pouco e pouco.