Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 15:25
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, criticou as palabras do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, contra o peche do paridoiro do Hospital de Verín (Ourense) e tachouno de "irresponsable": "Dixo que mantería os paridoiros contra os criterios dos profesionais médicos e sen garantir a seguridade dos recén nados".
"O que quere é quedar ben e dicirlle á xente o que quere escoitar. Creo que o señor Gonzalo Caballero, se algún día chega a ter algún tipo de responsabilidade pública, poderiamos estar ante unha auténtica ameaza para a saúde dos galegos", advertiu.
Tellado dixo "respectar" a posición do presidente da Deputación e do PP de Ourense, Manuel Baltar, e de numerosos rexedores da comarca, tamén populares, en contra do peche do paridoiro de Verín. "Un alcalde ou un portavoz municipal ten que demandar máis para o seu concello", engadiu.
"Cada un nestes asuntos fixo o que tiña que facer. O Goberno da Xunta actúa con responsabilidade, baixo criterios técnicos escoitando a profesionais", defendeu Tellado, á vez que reiterou que "entende a postura de todo o mundo" porque "é razoable" que haxa "un debate público".
Non en balde, o secretario xeral do PPdeG incidiu en que a decisión do peche se debe á "falta de pediatras" e a que o número de nacementos no Hospital de Verín é "reducido". "Precisamente por iso os partos que entrañaban certa complexidade e certo risco xa eran trasladados ao Hospital de Ourense", explicou.
Neste contexto, Tellado expresou que lle "alarman" posturas como as do secretario xeral dos socialistas galegos, "un auténtico irresponsable que estaría mellor canto máis lonxe da administración e de calquera interese público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.