O alcalde do Barco nega que o peche do paridoiro de Verín obedeza a criterios médicos

Alfredo García rexeita a xustificación que deu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 13/12/2019 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O alcalde do Barco de Valdeorras e ex presidente da FEGAMP, Alfredo García, negou hoxe en Lugo que o peche do paridoiro de Verín obedeza a criterios médicos, e rexeitou a xustificación que daba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

O alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García.
O alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García. | Fonte: Europa Press

García negábao apelando a que "hai médicos que din o contrario". "Onte nalgúns medios de comunicación había quen dicía unha cousa e outros médicos a contraria. Non coñezo ningún problema que se poida resumir que é branco ou negro, case todos son diferentes tons de gris", ponderaba.

Iso si, o rexedor ten claro que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña "equivócase", e considerou que o cargo autonómico toma medidas "sen pensar as consecuencias que poidan ter".

"Xa leva moitos erros e loxicamente o presidente (Feijoo) non creo que estea moi satisfeito cos fregados nos que lle mete o conselleiro de Sanidade", deduciu, para reiterar que "o que non pode ser" é que aparezan informes "que din que non se pode facer o que leva facendo toda a vida".

"En ningún de todos os hospitais comarcais, en ningún deles se fixeron 600 partos e todo funcionaba ben. Non é un problema de calidade, o problema é que non hai pediatras e que non houbo planificación suficiente para ter en conta que nos iamos a quedar sen médicos, sen especialistas; pediatras, de todo tipo, ou anestesistas, porque o outro día durante varios días estivo pechado o quirófano no Barco (hospital comarcal) porque non había cirurxiáns. É un problema de planificación", reconvenía finalmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Mas em Ourense o PP é o partido mais votado. Tenhem o que elegírom.