Temas: ANOVA

Anova define o seu futuro cunha asemblea da que sairá a súa postura para as eleccións galegas

Descontentos co trato recibido polos seus aínda socios no Hórreo, os nacionalistas seguen apostando pola vía da unidade popular.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/12/2019 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

Sete anos e medio despois do seu nacemento, Anova celebra este sábado a súa cuarta asemblea nacional, a dúas semanas do fin dun convulso ano 2019 para o 'rupturismo' coa división definitiva do proxecto de unidade popular agrupado ao redor das siglas de En Marea e co distancimento entre Anova, Podemos e Esquerda Unida, aínda socios no Parlamento de Galicia.

Manuel Beiras e Antón Sánchez
Manuel Beiras e Antón Sánchez | Fonte: Europa Press.

A militancia de Anova, minguada tras as desavinzas vividas no seo do partido instrumental En Marea, está chamada a participar este sábado no conclave que acollerá o Hotel Congreso de Teo, municipio limítrofe coa capital galega.

De aí sairá a postura do partido de cara ás eleccións autonómicas do próximo ano. A dirección aposta por continuar a senda da unidade popular pola que a organización transcorreu desde o seu nacemento en 2012, pero considera que os seus sacrificios en favor do proxecto común non foron correspondidos por parte dos seus socios 'preferentes', Podemos e EU, aos que acusa de impor os seus intereses "de parte" durante o ciclo electoral do presente ano.

A cita deste sábado tamén servirá para renovar os órganos directivos da formación nacionalista, aos que opta unha única candidatura de carácter continuista encabezada polo actual portavoz, Antón Sánchez, e co exalcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, ocupando os números tres e cinco da lista, respectivamente.

AUTONÓMICAS 2020

A quince días de entrar en ano electoral en Galicia, Anova fixará posición sobre como encarar uns comicios nos que, tras os resultados rexistrados nas tres citas coas urnas vividas este 2019, o centro-esquerda ve oco para derrotar o PPdeG de Alberto Núñez Feijóo, que cumprirá en marzo once anos en San Caetano coa incógnita de se se presentará a un cuarto mandato.

Na tese política remitida aos seus militantes, a dirección da organización nacionalista expresa o seu temor a que a fragmentación das forzas políticas "á esquerda" do PSdeG beneficie á dereita nas urnas, polo que apela a reforzar a unidade popular.

Con todo, nunha análise sobre o panorama actual, Anova considera que En Común, a coalición de Podemos e EU da que quedou fóra ao fracasar as negociacións para a súa inclusión, non ten percorrido se o mapa político se encamiñase a recuperar o 'bipartidismo imperfecto' que dominou o Parlamento galego antes da irrupción de AGE en 2012.

Así as cousas, consideran que, despois do fracaso do partido instrumental En Marea configurado para as autonómicas de 2016, a 'unidade popular' debe reformular a ferramenta para acudir aos comicios creando unha plataforma "sen imposicións" por parte das organizacións participantes, pois cren que Podemos e EU trataron de patrimonializar o espazo político ao longo dos últimos tempos.

"O trato que se lle dá a Anova e ás mareas municipais foi unha mostra da vontade de minorizar e subalternizar un espazo común que a pesar de todo segue tendo un potencial moito maior do que as siglas de parte que teñen. No lugar da cooperación óptase pola imposición", remarca.

Por contra, un grupo de militantes —entre os que figuran membros da propia dirección— propoñen suavizar esta postura crítica cos seus 'socios preferentes' e apostar de maneira máis clara pola configuración dunha candidatura unitaria para as galegas.

Trátase das únicas emendas á tese oficial que chegarán a debaterse este sábado. Nelas, estas persoas discrepan coa decisión da dirección de Anova de non presentarse ás eleccións, algo que, ao seu xuízo, reduciu a capacidade de influencia da organización no espazo político.

Temas: ANOVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Carliños

Porfa, deixade a porta do local aberta para escoitarmos as labazadas. É que o que poñen na tele esta finde é aburrido.

1 A bascuear a outra parte

E dalle con unidade desunindo. Quedan só un par de ducias de militantes a lo sumo, a asemblea na que remataran a hos tias vai ser multitudinaria comparada con esta, podían facela nunha cabina telefónica que estaban máis anchos.

1 Multinick

Supera o trauma de Amio, troll blocallo, que xa vai sendo hora (e aburrides).

2 Troll

O bloque anda en negocios con Más Madrid de Errejón