Temas: ULTRADEREITA VOX

Vox quere acabar co "feudo do PP" en Galicia como fixo co do PSOE en Andalucía, pero obvia que alí pactou cos 'populares'

Ortega Smith afirma que os que decidiron romper "a unidade de España levan demasiado tempo preparándoo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2019 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, trasladou a idea de que se pode "acabar co feudo do Partido Popular en Galicia" e dirixiuse a todos os que din que "isto é moi difícil" argumentando que "máis feudo era o do Partido Socialista en Andalucía e grazas a Vox, despois de 38 longos e corruptos anos" cambiouse o Goberno autonómico, iso si, apoiando un goberno do PP, partido que di querer apartar en Galicia.

O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, nun acto con seguidores en Ferrol
O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, nun acto con seguidores en Ferrol | Fonte: Europa Press

Así se expresou o número dous da formación de Abascal este sábado en Ferrol, durante un encontro cun cento de seguidores do seu partido que tivo lugar nun céntrico hotel da cidade.

Aproveitou a xornada para lembrar en ton irónico "cando a Feijóo lle pillaron con aquilo" de animar "aos seus afiliados a buscar entre as caixas de correos" os sobres "tan bonitos de Vox" para "tirar a papeleta".

Chanceou sobre as declaracións do PPdeG como algo "moi legal, respectuoso cos dereitos de privacidade da Constitución e da correspondencia", en definitiva, "iso tan democrático ao que animaba o presidente do Xunta".

O dous de Vox tamén requiriu ao público do evento a "estar preparados sempre, porque non hai tempo". Cre que "os que decidiron acabar coa unidade de España", coas súas "liberdades" e os que pretenden "enfrontar aos españois" levan "demasiado tempo preparándoo".

Ante este escenario que debuxa, opina que é necesario "aprender sobre a marcha, estar dispostos a levantarse e defender a unidade de España, a liberdade, o Estado de dereito e a soberanía dos españois en calquera lugar e en calquera momento".

Ao seu xuízo é unha reacción que debe "saír de dentro" e, por este motivo, "ninguén ten que dubidar que cando un de Vox se pon en pé, hai un embaixador defendendo o que pensan millóns de españois".

Para rematar, o secretario xeral numerou a presenza actual da formación nas institucións estatais. "52 deputados e tres senadores nacionais, tres europarlamentarios, presenza en dez parlamentos autonómicos, 500 concellos e en moitas deputacións", concluíu.

Temas: ULTRADEREITA VOX
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

2 Gamela

Para loitar contra VOX en Galicia acaban de inventar unha nova Plataforma chamada VG ! Por 2 €uros podemos ter por fin un Pasaporte Galego ! https://viagalega.gal/pasaporte-gal... Cada día que pasa teño máis clara, clarísima, a DISOLUCIÓN da UPG !!!

1 Gamela

Medo dá velos aparecer no Ferrol do Caudillo (?) Pero máis medo daba velos aparecer no mitin do Auditorio Mar de Vigo (alugado por Abel Caballero!) con 1.400 prazas e ver como quedaba xente fóra... e catro idiotas lles deron publicidade gratuita queimando un contedor! Repito: as ganas do PSOE de rabuñar votos ao PP e de outra banda a DESFEITA das esquerdas pelexando entre elas (BNG.UPG - EnMarea - UP-Anova) pode converterse nun pesadelo se VOX saca dous ou tres deputados no Hórreo (suficientes para que Feijoo revalide no cargo outros 4 anos, pero co programa de Vox!) ESTAMOS CEGOS ???

1 J.Bainas

dado a lei electoral galega, co umbral mínimo do 5%, se Vox entra no Parlamento galego faría con non menos de 4 diputados,

2 Gamela

Nas últimas sacaron o 7.8% (?) Pero todo dependerá das burradas desta "esquerda de salón" aínda non sabemos que fará Bescansa (?) pero por moito que muden as cousas se BNG segue na súa teima sen xuntar forzas con ninguén a cousa pinta moi mal ! https://resultados.10noviembre2019....

3 Sentidiño

J.Bainas, esa conta non é correcta: é o 5% da circunscrición (a provincia), polo que un 7,8% en Galicia pode darlles de 0 a 4/5, dependendo da distribución provincial dos votos. Gamela: os que marcharon para darlle vida á esquerda españolista (que nunca antes tivera relevancia electoral) son os que odian o bng; agora a culpa de non xuntar forzas co bng é do bng? Recoméndoche Antón Vilar Ponte: os galeguistas que de verdade importan son os "apostólicos", os que se manteñen na causa sen pensar no interese inmediato.

4 Gamela

Os apostólicos no 1936 igual había moitos dispostos a seguir o camiño ... pero dende Amio a cousa mudou de raiz e penso, sinceiramente, que xa non quedan apóstoles de nada (alomenos nas "castas baixas" do nacionalismo) pero nin siquera vexo ese apostolado nas "castas altas" da nova burguesía que podemos denominar coma unha especie de JetSetGalega (?) Os tempos da globalización impuxeron outras urxencias e non vexo que ninguén teña présa... Curisiosidades hai moitas... https://youtu.be/STcs5PbZrs0