A Xunta pide ao Goberno "un pouquiño máis de cabeza" co financiamento das CCAA

O conselleiro de Facenda asegura que as autonomías se atopan nunha "situación límite" e de "emerxencia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2019 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, pediu ao Goberno central "un pouquiño máis de cabeza" co financiamento das comunidades autónomas, que se atopan nunha "situación límite" e de "emerxencia".

Preguntado polos medios sobre os 200 millóns correspondentes a unha mensualidade do IVE do 2017, os cales o Executivo de Pedro Sánchez xa vinculou a que haxa investidura, Martínez lembrou que esta contía xa estaba nos Orzamentos autonómicos deste 2019, polo que hai un buraco que "vai provocar uns resultados formais, que non reais" ao peche do ano.

"Isto xa hai oito meses que o vimos avisando. Mesmo nestes dous últimos meses xa estamos a falar de que entrabamos, nós e outras comunidades autónomas, en emerxencia financeira", abordou.

En palabras do conselleiro de Facenda, tanto a Xunta como "a maioría" dos gobernos autonómicos adoptan posturas "puramente proactivas" para achegar "solucións". "E a primeira delas é que, ante un problema tan difícil, tense que reunir o Consello de Política Fiscal e Financeira", reiterou.

"NON SÓ SON OS 200 MILLÓNS"

En calquera caso, Valeriano Marínez insistiu en que xa "non só son os 200 millóns" correspondentes á mensualidade do IVE, senón tamén outros 170 millóns por cumprir coas regras de estabilidade financeira nos últimos anos.

"Esperemos que haxa un pouquiño máis de sesera e que este Goberno que está en funcións, pero que ao meu entender funciona moi pouco, tome cartas no asunto", engadiu, para despois asegurar que, a pesar da súa situación de interinidade, "ten ferramentas na man" como "un decreto" ou "modificacións orzamentarias".

"Nunca expomos os termos en termos de combate. Non creo que sexa un combate, simplemente é reclamar o que é noso", concluíu.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.. MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.. MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta