Sánchez promete que se involucrará persoalmente na crise de Alcoa

Feijóo non ve "garantías" para a planta nin para Endesa nas Pontes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2019 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o seu homólogo estatal, o socialista Pedro Sánchez, comprometeuse, na conversación telefónica que mantiveron este martes, a que se é preciso fará "unha xestión persoal" coa multinacional Alcoa para tratar de evitar que a planta de San Cibrao (Lugo) peche.

Pedro Sánchez, no mitin do PSOE en Vigo o 5 de outubro de 2019
Pedro Sánchez, no mitin do PSOE en Vigo o 5 de outubro de 2019 | Fonte: © Miguel Núñez.

Nunha rolda de prensa convocada tras a conversación, que durou uns 15 minutos e cuxo ton foi "cordial", Feijóo transmitiu aos medios de comunicación que non vai pór en dúbida a palabra do dirixente socialista, pero tamén asegurou que "non diría a verdade" e "faltaría ao rigor" se afirmase que ten "garantías" para os traballadores de Alcoa en San Cibrao e da planta térmica de Endesa nas Pontes.

"Non as teño e tampouco para o AVE", lamentou o presidente galego, quen lembrou que a axenda que puxo sobre a mesa antes das eleccións cunha listaxe de temas claves para Galicia segue vixente.

De feito, advertiu que se Sánchez "triunfa" na investidura seguirá defendendo ante el a importancia destas reivindicacións, unha listaxe na que tamén se incluían compromisos co naval, así como con outros sectores produtivos relevantes para Galicia, e co Xacobeo 2021, ademais do pago da "débeda" ata o total de 700 millóns.

"Son asuntos que interesaban antes e agora. Que haxa un goberno en funcións, non significa que non teña funcións; o goberno ten que gobernar", proclamou.

XESTIÓN "PERSOAL" PARA ALCOA

Segundo Feijóo, "o máis urxente" é o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao, que podería afectar a unhas 8.000 familias. "Sánchez trasládame que coñece a situación de tensións das empresas electrointensivas e confírmame que, se é necesario, faría unha xestión persoal para manter esa compañía aberta e en funcionamento en Galicia", explicou.

"É unha xestión que espera o Goberno galego, non imos dubidar da súa palabra e compromiso", remarcou, antes de esgrimir que non puido "profundar con intensidade" na conversa co seu homólogo estatal na situación de Alcoa e, sobre o AVE, remarcou que Sánchez lle dixo que ten interese en "falar de infraestruturas" no mandato que se abre.

Tampouco no pago da débeda arrincou Feijóo compromiso algún a Sánchez. Por iso, concluíu que non ten "garantías" sobre Alcoa en San Cibrao, Endesa nas Pontes, o AVE ou o pago do total de 700 millóns —aínda coas entregas a conta desbloqueadas, seguen pendentes 370 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e as compensacións por cumprir as regras de estabilidade financeira—.

"Esperemos que a xestión con Alcoa se produza e haxa algún efecto, e se tomen en serio o problema das electrointensivas", esgrimiu Feijóo, quen demandou reiteradamente o impulso dun novo estatuto para garantir a "viabilidade" destas compañías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta