A viaxe Lugo-A Coruña en tren baixaría a menos de media hora con 1.515 millóns de investimento

O Eixo Atlántico propón unha modernización da vía similar á realizada no eixo atlántico, que serviría a viaxeiros e mercadorías.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/12/2019 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

O Eixo Atlántico, entidade que aglutina a 34 municipios, galegos e lusos, e á Deputación de Lugo, presentou un estudo da vía de tren Lugo-A Coruña con varias propostas de mellora que esixirían investimentos que oscilan entre os 120 millóns de euros, a máis modesta, e 1.880 millóns, a máis ambiciosa. 

Base de La Hiniesta para montaxe de vías do AVE. ADIF - Arquivo
Base de La Hiniesta para montaxe de vías do AVE. ADIF - Arquivo

A proposta do Eixo, que defendeu o seu secretario xeral, Xoán Vázquez é a intermedia, de 1.515 millóns, que implicaría facer unha adaptación da vía similar á que realizada no eixo atlántico (A Coruña-Vigo), o que permitiría combinar tráfico de viaxeiros e de mercadorías e alcanzar unha velocidade máxima de 250 quilómetros por hora para os primeiros e de 180 para as segundas.Desa forma, o traxecto entre Lugo e A Coruña faríase en 28 minutos. 

O estudo do Eixo foi realizado polo catedrático da Universidade da Coruña especializado en ferrocarril e excargo da Xunta durante o bipartito, Miguel Rodríguez Bugarín, quen explicou que a opción máis sinxela sería a máis barata (120 millóns), non só polo menor investimento económico senón porque é a que, na súa opinión, tería menos rexeitamento social porque non implicaría modificacións de trazado na parte máis próxima á Coruña, que é a que máis afectada veríase ao ser a máis poboada.

Esta opción consistiría nunha renovación da vía e na construción dunha variante de 12,2 quilómetros na contorna de Guitiriz para evitar a caída de velocidade que agora se produce nesta zona polas características do trazado, o que tamén implicaría supresión de pasos a nivel.

Esta actuación permitiría velocidades de 90 a 160 quilómetros por hora entre Lugo e A Coruña e un tempo de viaxe (con paradas) de 90 minutos. Sería a intervención máis económica nunha vía que se inaugurou en 1875 (foi a segunda de Galicia). A outra alternativa que expón o Eixo é a da alta velocidade pura e dura, con dúas variantes: dobre vía (unha para viaxeiros) ou vía única (tráfico mixto) ampliable a dobre no futuro. Custarían 1.880 e 1.620 millóns, respectivamente, permitirían velocidades máximas de 300 quilómetros e reducirían o tempo de viaxe a 28 minutos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario.

A noticia está mal. Coruña - Lugo en tren xa se fai hoxe en 90 minutos. Concretamente en 88 minutos. O tren hotel Coruña - Barcelona sae as 18,46 e chega as 19,13. total, 88 minutos. ¿ E que tal se nos documentamos un pouco?