Mar valora a negociación das cotas: "Mantivemos o barco á boia"

Reivindica a alza do xurelo ao sur de Fisterra e a redución de recorte de pescada sur, pero admite problemas coa pescada do Gran Sol e xurelo do Cantábrico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que "ao final" se conseguiron "moi boas cousas" para a frota galega nunha negociación "moi complicada" dos ministros de Pesca sobre o Total Admisibles de Captura (TAC) e cotas de 2020. "Mantivemos o barco á boia", valorou en declaracións á prensa este mércores en Bruxelas, tras "partir dunha postura inicial de tiro á liña de flotación".

Neste sentido, subliña como "lóxico" que aumenten as posibilidades de pesca do xurelo na zona IXa --ao sur de Fisterra-, tal e como "dicían os científicos". Considérao "un tema importante", xa que se partía dunha proposta de recorte do 48%.

Respecto ao xurelo do Cantábrico, Quintana remarca que "non estaba ben", polo que son "consecuentes" co recorte do 41% finalmente fixado, aínda que considera "moi boa noticia" que "se conseguise unha flexibilidade do 80%" para poder traer xurelo doutras zonas como Francia, "e que a xente do Cantábrico non o pase mal".

No tocante á pescada sur, considera que "non é mal resultado para a situación da que se partía" que haxa unha baixada do 5,5%, fronte á proposta de retroceso do 24%.

Con todo, recoñece "a deficiencia" nos resultados da pescada do Gran Sol, cunha diminución do 20,6%, nunha especie que ten "impacto" en Galicia, pero "non se puido conseguir" máis cos datos que había. Aínda así, chama a "ver como evoluciona este ano" e "que pasa o ano que vén".

VEDA DE LAGOSTINO

A pesqueira de lagostino no Cantábrico seguirá pechada en 2020, polo que suma así catro anos de veda. Con todo, a Comisión Europea e España comprometéronse a seguir traballando, a través do Instituto Español de Oceanografía (IEO), para solicitar cando sexa posible e segundo os datos que se vaian obtendo, a revisión da situación do lagostino do Cantábrico.

"Podemos ter boas noticias tamén, xa que valoraron moi positivamente os datos que lle achegaron desde o Consello Galego de Pesca", móstrase optimista Quintana sobre o lagostino de face ao futuro.

Entre outras especies, observa unha "boa noticia" a subida de especies como os galos no Cantábrico. Por todo iso, Quintana resalta que se conseguiu en Bruxelas "manter o equilibrio social, económico e ambiental" na pesca.

Rosa Quintana e Luís Planas en Bruxelas nas negociacións de posibilidades de pesca para 2020. XUNTA
Rosa Quintana e Luís Planas en Bruxelas nas negociacións de posibilidades de pesca para 2020. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta