Galicia sitúase como a autonomía coa taxa de violencia de xénero máis baixa do Estado

Presentáronse un 5,8% menos de denuncias ca no mesmo período do ano pasado.

Por E.P. | A CORUÑA | 18/12/2019 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre do ano 1.680 denuncias por violencia de xénero, un 5,8% menos que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.784, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en base aos datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

A gran maioría das denuncias (1.421) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Mentres, o número de mulleres que aparecen como vítimas practicamente mantense, pois entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2019 contabilizáronse 1.499, fronte ás 1.502 do ano pasado nas mesmas datas, o que supón un descenso do 0,2%.

Por outra banda, Galicia situouse como a autonomía coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, cun cociente de 10,7 persoas, fronte ás 18,1 de media estatal.

DESCENDEN AS VÍTIMAS QUE NON DECLARAN

Segundo os datos estatísticos feitos públicos este mércores polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, en Galicia descenderon os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar.

Se no terceiro trimestre de 2018 optaron por esta opción 92 mulleres, este ano fixérono 84, o que supón o 5,6% das vítimas, un 8,7 % menos que en 2018.

Durante o terceiro trimestre do ano solicitáronse 536 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 523 de 2018, o que supón un aumento do 2,4%. Das 536 adoptáronse 396.

O 85,7% das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano foron condenadas. Este dato sitúa a Galicia por encima da media estatal, que é do 74,6%.

MÁIS DENUNCIAS A NIVEL ESTATAL

A nivel estatal, un total de 43.349 mulleres aparecen como vítimas de violencia de xénero nas 45.122 denuncias presentadas nos órganos xudiciais durante o terceiro trimestre de 2019.

As denuncias presentadas supoñen un incremento do 3,6 por cento con respecto ás denuncias que se presentaron nos órganos xudiciais no mesmo trimestre do ano anterior, que foron 43.559. En canto ao número de mulleres vítimas, a cifra experimentou un incremento dun 6,5 por cento, xa que no terceiro trimestre de 2018 foi de 40.718.

Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero.. INSTITUCIÓNS PENAIS
Mural realizado polas internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero.. INSTITUCIÓNS PENAIS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta