Os deputados do PP volven rexeitar nunha votación secreta en urna a reapertura do paridoiro de Verín

Os 'populares' manteñen a disciplina de voto, malia a presión social e de representantes do propio PP na Deputación de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Os 36 deputados do Partido Popular presentes este mércores na Cámara galega mantiveron a disciplina de voto e rexeitaron nunha votación secreta en urna unha iniciativa do Bloque Nacionalista Galego que pedía abrir o paridoiro do Hospital Comarcal de Verín.

Concentración fronte ao Parlamento galego contra o peche do paridoiro de Verín (Ourense).
Concentración fronte ao Parlamento galego contra o peche do paridoiro de Verín (Ourense).

En concreto, votaron en contra os 36 parlamentarios do PP, bancada da que faltaban, por motivos de axenda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros Francisco Conde, Rosa Quintana e José González. Ademais, tampouco estaba o deputado Daniel Veiga. Pola súa banda, apoiaron a proposta os 33 parlamentarios da oposición, da que faltaba Eva Solla (Común da Esquerda).

Previamente, toda a oposición uniuse para pedir a votación secreta en urna da iniciativa presentada polo BNG e que instaba á Xunta a rectificar a súa decisión de suprimir o servizo de paridoiro en Verín.

Con esta petición, a portavoz nacional dos nacionalistas, Ana Pontón, destacou que se buscaba que os deputados puidesen votar "en conciencia", en referencia aos parlamentarios do PP. E é que o regulamento da Cámara permite a votación secreta cando así o soliciten dous grupos parlamentarios ou unha quinta parte dos deputados.

Ata o momento, os populares galegos mantiveron a disciplina de voto na Cámara galega e rexeitaron aquelas iniciativas sobre o paridoiro que non se axustan á súa postura, que pasa por defender a posible recuperación do paridoiro de Verín "se cumpre as condicións de seguridade e cóbrense as prazas de pediatría".

Con todo, na Deputación de Ourense, os deputados provinciais do PP rexistraron unha moción que esixe o mantemento desta unidade, unha formulación que tamén manteñen varios alcaldes do PP da comarca de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta