Temas: ALCOA PODEMOS

Arquivada a causa contra os deputados de Unidas Podemos por unha protesta de Alcoa

A instrutora ve "inconcretos, vagos, xenéricos e sen entidade" os feitos que lles imputaban os axentes de Policía.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 18/12/2019 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O xuíz que investiga os altercados entre a Policía e traballadores de Alcoa fronte ao Congreso o pasado 28 de marzo arquivou a causa que mantiña aberta contra tres deputados de Unidas Podemos, Rafa Mayoral e os galegos Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino e a exdeputada confederal e de Galicia En Común Ángela Rodríguez, por un presunto delito de atentado contra a autoridade durante a protesta.

Os deputados do Grupo Confederal de Unidas Podemos Rafa Mayoral, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino nunha concentración con sindicatos. GALICIA EN COMÚN
Os deputados do Grupo Confederal de Unidas Podemos Rafa Mayoral, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino nunha concentración con sindicatos. GALICIA EN COMÚN

Segundo expón o auto, a titular do Xulgado de Instrución número 25 de Madrid arquiva así mesmo as actuacións contra o secretario xeral de Industria de CCOO de Galicia, Víctor Ledo, e o manifestante tamén investigado Adrián Sánchez, en liña coa Fiscalía, que pedía pechar o caso ao non apreciar indicios de delito.

Neste sentido, a instrutora explica que non quedaron acreditados os feitos como constitutivos dunha infracción penal de desobediencia, resistencia grave ou atentado a axentes da autoridade, aínda que ordena dar traslado das actuacións á Xefatura de Policía Nacional, por se incorrese nalgunha das faltas que contempla a Lei de Seguridade Cidadá.

A causa abriuse a partir dun atestado da Brigada Provincial de Información de Madrid datado o pasado 28 de marzo no que os axentes que se atopaban de servizo na contorna do valado que limitaba o acceso ao Congreso dos Deputados o día da protesta relataban como algúns manifestantes arroxaron petardos cara a liña da Policía, tentaron quitar os valos de contención e acceder ao edificio.

Naquel atestado apuntaban que "chegou a existir por parte dalgún deles, logo identificados algunha agresión cara aos axentes", motivo polo que procederon á detención de Diego Sánchez Porto, que sairía despois en liberdade, e á identificación de catro persoas que se identificaron como deputados do GP Confederal de Unidos Podemos En Común Podem En Marea "como participantes en arengar aos alí presentes, participar na rotura do valado e empurrar os policías que formaban o cordón".

DECLARACIÓN DE SEIS AXENTES E DE INVESTIGADOS

Tras escoitar en declaración a seis daqueles axentes de Policía, analizar o parte de lesións presentado por dous deles, e interrogar aos investigados, o xuíz di que "non pode senón concluírse que o feitos obxecto de instrución" que se atribúen aos deputados e os dous manifestantes de Alcoa mencionados "non ostentan a gravidade necesaria para quedar incardinados en ningunha das figuras penais" á luz da xurisprudencia.

Así, decide arquivar as actuacións, "non tendo pois encaixe os feitos denunciados na figura penal do delito que nos ocupa á vista das manifestacións dos propios axentes na descrición dos feitos individuais; inconcretos, vagos, xenéricos e sen entidade suficiente, que atribúen a cada un dos participantes identificados (...) e iso con independencia da cualificación que puidese facerse como falta administrativa" e tendo en conta que non existe acusación porque Fiscalía tampouco ve delito

Temas: ALCOA PODEMOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta