A Xunta destaca o "exemplo" dos emigrantes que "levaron Galicia polo mundo"

Os conselleiros de Política Social e Emigración lembran aos que marcharon no Día Internacional da Persoa Migrante.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Os conselleiros de Política Social, Fabiola García, e Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinaron este mércores unha misiva conxunta con motivo do Día Internacional da Persoa Migrante, na que destacan o "exemplo" dos emigrantes que "levaron polo mundo" o nome de Galicia e inciden na "oportunidade" que presta actualmente o "retorno".

A emigración galega en América
A emigración galega en América | Fonte: Galicia espallada

A mensaxe iníciase cunhas palabras do secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, nas que se describe a migración como "unha expresión valente da determinación individual de superar a adversidade e buscar unha vida mellor", algo que, destacan, "simboliza e dá sentido á diáspora galega".

"Todos eles levaron o noso nome polo mundo, sendo un exemplo inmellorable do que foi, o que é, e o que quere ser Galicia. Unha mostra de constancia, dedicación e vontade para prosperar e construír, aínda que lonxe do fogar, outro fogar. Un exemplo de integración que debe ser lembrado, quizais con máis afán que nunca, nun mundo global no que máis de 270 millóns de persoas buscan noutros países novas oportunidades de mellorar a súa vida", inclúe a mensaxe.

Tendo en conta precisamente este "mundo global", apuntan os conselleiros, con "as súas facilidades de comunicación e movemento", o "reto" e a "oportunidade" da sociedade ás portas dunha nova década do século XXI é a posta "en valor" do retorno.

"Cada vez son máis os galegos que deciden volver á súa terra para desenvolver aquí os seus proxectos profesionais e familiares. Galicia está a recuperar a súa puxanza económica e social, converténdose nun lugar cheo de oportunidades para as novas xeracións, veñan de onde veñan", engaden, destacando que se trata dun "país de acollida que non dubida de que se hoxe é o que é, se debe en gran parte a todos aqueles que no seu día tiveron que marchar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta