Temas: SANIDADE SERGAS

Ultimato dos colectivos sanitarios ao Sergas: haberá mobilización se continúa "esta tomadura de pelo"

Reiteran que Santiago albergará "unha gran manifestación" o 9 de febreiro ante a "tremendamente preocupante" situación da sanidade pública e, en particular, da Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2019 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

Organizacións sociais e sindicais en defensa da sanidade pública deron este mércores un ultimato ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e advertiron que, se continúa sen atender ás súas propostas de mellora para a Atención Primaria, habra novas mobilizacións, á marxe da "gran manifestación" convocada o 9 de febreiro na capital galega.

Rolda de prensa de representantes de colectivos en defensa da sanidade pública
Rolda de prensa de representantes de colectivos en defensa da sanidade pública | Fonte: Europa Press

Na rolda de prensa participaron o presidente da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín; a responsables da área sanitaria de CIG, María Xosé Abuín, e CC.OO., Emilia Lamas; Xose María Dios (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) e Isabel Abel, representante do colectivo de matronas galegas.

Segundo relataron, os grupos profesionais que traballaron nas comisións activadas no marco do Consello Técnico da Atención Primaria están a ver como se ignora ou mesmo "se censura e limítase" a presentación de propostas de melloras, o que interpretan como "un incumprimento" do compromiso adquirido pola Administración para desconvocar a última folga.

Ao seu modo de ver, as carteiras de servizos —no marco das que se recollen os servizos e competencias— "non serven para nada se non se acompañan das correspondentes propostas de mellora". Por iso, os colectivos sanitarios teñen en mente como prazo máximo o mes de xaneiro, no que se volverá reunir o Consello.

"E esperemos que sobre a mesa estean as propostas que elaboramos e que a Administración non quere levar adiante. Se na reunión non se cumpren os compromisos, daremos por rota esta negociación", advertiron, antes de avanzar novas mobilizacións. Todo iso, precisou a responsable da área sanitaria de CC.OO. "sen descartar" unha folga.

Tanto Martín como Dios advertiron que a mobilización "está ás portas do Sergas" se continúa "esta tomadura de pelo".

DOCUMENTO COAS PROPOSTAS

Ademais, as organizacións prevén crear un documento con todas as propostas articuladas polos distintos grupos profesionais, que puxeron en valor e que se elevará ás distintas organizacións, así como á Administración galega e ao próximo Goberno que se conforme no ámbito estatal.

Segundo Abuín, o documento ten "o valor" de que evidencia que "outra sanidade pública, outra Atención Primaria é posible". Como en ocasións anteriores, todos incidiron na importancia de incorporar a este nivel especialistas en Psicoloxía Clínica, Fisioterapia, Logopedia e Terapia Ocupacional.

"GRAN MANIFESTACIÓN" O 9 DE FEBREIRO

Ademais do "prazo limitado" dado á Administración para facer caso das propostas de mellora deseñadas polos profesionais no marco das comisións ligadas ao Consello e criticar que, en cambio, se atenda un documento estratéxico elaborado por "axentes privados e externos", Martín subliñou que hai unha manifestación convocada para o 9 de febreiro en Santiago.

Estarán convidadas as distintas plataformas profesionais de hospitais "sometidas a un proceso de desmantelamento e deterioración", colectivos de Atención Primaria e toda a cidadanía. "A situación sanitaria é tremendamente preocupante", advertiu, para engadir que, se o Sergas segue na actual "deriva", a "deterioración e a privatización" serán de "difícil recuperación".

Os convocantes lembraron a protesta contra o peche do paridoiro de Verín (Ourense) que tivo lugar na pasada xornada ante o Parlamento galego e auguraron que a protesta do mes de febreiro será "un éxito".

Temas: SANIDADE SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta