Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2019 | Actualizada ás 14:19
As diferenzas salariais entre profesores de distintas autonomías poden chegar a superar os 600 euros, segundo revelan o sindicato docente STEs e UGT en senllos estudos que teñen en conta as retribucións básicas e as complementarias dos docentes do Estado. No caso dos galegos, estes profesionais percibirían 2.133,15 euros, os sextos peor pagados de todo o Estado.
A equiparación salarial co resto de corpos de profesorado doutras comunidades autonómicas foi, precisamente, unha das demandas recorrentes dos sindicatos docentes galegos, sobre todo tras os recortes e a perda de poder adquisitivo rexistrada a partir da crise económica.
Segundo os datos de UGT, os docentes mellor remunerados de España son os vascos, seguidos dos de Castela-A Mancha, Cantabria e Navarra. Pola contra, os salarios máis baixos corresponden aos docentes de Asturias, Aragón e Madrid, asegura o sindicato.
En Educación primaria, os soldos brutos máis elevados oscilan entre os 2.485,14 euros de Euskadi e os 2.231,58 de Navarra, mentres en Secundaria ascenden ata os 2.876,11 euros de Euskadi e os 2.571,65 de Castela-A Mancha.
Ao final da clasificación autonómica figuran os mestres e mestras asturianos, cuxa nómina descende ata os 2.050,61 euros, e os da Comunidade de Madrid, que cobran 2.118,51 euros brutos. En Secundaria, o profesorado de Asturias percibe só 2.328,53 euros e 2.394,75 o de Madrid.
Nesta clasificación, UGT non inclúe a Baleares, Canarias e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. "Non son equiparables ás do resto de comunidades, posto que á súa mensualidade suman tamén o correspondente complemento de residencia, dadas as súas peculiaridades xeográficas", explican.
Este complemento supón, por exemplo, un aumento de 698,15 euros nas retribucións dos mestres e profesores técnicos de Formación Profesional de Ceuta e Melilla, e de 937,85 nas dos de Secundaria. Con eles, os profesores de Canarias e Baleares serían os mellor pagos de España tras o País Vasco tanto en Primaria como en Secundaria, segundo os datos do sindicato STEs aos que tivo acceso Europa Press.
COMPLEMENTOS EN ASTURIAS E MADRID
O sindicato STEs tamén fai algunhas apreciacións sobre esta clasificación de salarios. Por exemplo, en Asturias existe un complemento de produtividade que cobra a gran maioría do profesorado (despois dunha avaliación do seu traballo docente) e que supón, no caso do corpo de mestres, 140,29 euros máis ao mes, e no de Secundaria 219,20 euros. Con isto, os profesores de Asturias deixan de estar entre os peor pagados de España.
O caso de Madrid, apunta STEs, é "aínda máis complexo" xa que o seu sistema retributivo é o máis diversificado de todo o Estado, cun número elevado de complementos de todo tipo (Tics, biblioteca, bilingüismo, programas de reforzo, de excelencia ou de promoción do deporte). Os complementos oscilan entre os 17,75 euros mensuais e os 229,19 euros, "creando un abanico salarial amplísimo".
Para o secretario confederal de STEs, José Ramón Merino, o sistema retributivo da Comunidade de Madrid "dividiu o profesorado" porque promove o "individualismo" con estes complementos, "cando o labor docente é un labor conxunto, porque por unha clase pasan diferentes profesores", apunta en declaracións a Europa Press.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.