En Marea chama a BNG e Anova para crear unha candidatura unitaria da esquerda

Villares ve necesario facer "unha concentración parcelaria" para as autonómicas excluíndo ás formacións "de obediencia estatal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, fixo un chamamento ao resto de forzas políticas da esquerda "nacional" galega para configurar unha candidatura unitaria para as eleccións autonómicas do próximo ano, unha cita na que, avisa, a formación que integra o grupo mixto no Parlamento non repetirá a estratexia das pasadas xerais, cando decidiu non presentarse para non contribuír á fragmentación entre as opcións progresistas.

Nun almorzo cos medios celebrado este xoves no Pazo do Hórreo, Luís Villares expresou a vontade de En Marea de "sumar" nunha candidatura conxunta da que exclúe as formacións "con dependencia estatal", é dicir, Esquerda Unida e Podemos, partidos aos que acusa de "priorizar" os intereses dos seus partidos aos "dos galegos".

Por iso, apelou a realizar "unha concentración parcelaria" entre as forzas "nacionais e nacionalistas", nunha mensaxe dirixida a BNG e Anova. "Sería unha boa decisión que facilitaría a vida á xente", engadiu, antes de subliñar que En Marea non está disposta a "subsumirse e desaparecer nas siglas" doutra organización "sen que haxa un espazo claro" que evidencie "o que significa" o partido que encabeza Villares.

"Temos unha oferta singular no panorama político galego que merece ser contrastada nas urnas", incidiu o maxistrado en excedencia, que chama ás forzas políticas interpeladas a "ser humildes" e "buscar puntos de encontro" para afrontar as eleccións autonómicas do próximo ano.

"O PP sabe que a súa maioría está moi cuestionada. Pero as xerais non son as autonómicas. Quen crea que ten todo gañado polo que pasou nas xerais, equivócase. Gonzalo Caballero equivócase se cre que ten o traballo feito e Podemos equivócase se cre que vai repetir resultados", aseverou Villares, acompañado na rolda de prensa polo deputado Davide Rodríguez e a responsable de organización de En Marea, Ana Seijas.

BALANCE DO ANO POLÍTICO

Este xoves, Villares fixo balance dun ano político que supuxo o fin de En Marea como ferramenta común do 'rupturismo' galego. O maxistrado culpa a Podemos do divorcio expresado primeiro a nivel orgánico tras as polémicas primarias das que se cumpre un ano e, medio ano despois, coa ruptura do grupo parlamentario.

"A razón principal do fracaso porque os partidos de obediencia estatal priorizaron defender os intereses dos seus partidos no Estado", aseverou, en alusión ao partido morado, ao que responsabiliza de ser "desleal cara á construción dun suxeito político galego", algo que, ao seu xuízo, ocorreu en todas as comunidades autónomas onde Podemos mantiña alianzas con outras forzas.

Agora, con En Marea en solitario ocupando a totalidade do grupo mixto na Cámara galega, Villares puxo en valor o traballo realizado durante o último período de sesións "desde a emancipación", no que rexistraron nove proxectos lexislativos e 241 proposicións non de lei.

Así, resaltou que o cociente de iniciativas presentadas por grupo mixto (consideración que cre "inxusta" e froito da "regulación obsoleta" da Cámara) é de 60,2 por deputado, mentres que o BNG tivo 50,3; Común da Esquerda, 19,3; PSdeG, 19,2 e PPdeG, 2,9.

"Temos a capacidade e o traballo político de calquera grupo", subliñou, antes de avanzar que o próximo ano, En Marea continuará vertebrando o seu traballo parlamentario ao redor da idea de que existen "tres emerxencias: a social, a feminista e a climática".

Rolda de prensa de En Marea.
Rolda de prensa de En Marea. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 antón de guizán

Ese é o camiño , aínda que o BNG non vai aceptar

2 Pepe Romoncin

Por favor, como se atreve a falar Villares de concentraciones parcelarios, o máximo común divisor

1 Xurxo

Esperemos que se xunten En Marea+Anova+ Bgn, que formen unha alianza onde Galegistas,federalistas e nacionalistas se sintan comodos. Onde o eixe de todo sexa Galicia e os seus intereses. Por separado non hai futuro.