Beatriz Mato, exconselleira e portavoz do PP na Coruña, deixa a política

Toma esta decisión despois de optar como candidata á Alcaldía da Coruña e non obter o número necesario de edís para poder conformar goberno.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/12/2019 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

A exconselleira e actual portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Beatriz Mato, ademais de deputada no Parlamento galego, deixa a política, segundo confirmaron a Europa Press fontes do partido.

La conselleira Beatriz Mato en el pleno del Parlamento.
La conselleira Beatriz Mato en el pleno del Parlamento.

O anuncio fíxoo na reunión do comité executivo local, que se convocou este mesmo xoves por parte da formación, unha convocatoria fixada a partir das 19,00 horas.

Beatriz Mato toma esta decisión despois de optar como candidata á Alcaldía da Coruña nas últimas eleccións municipais, nas que o PP non obtivo o número necesario de edís para poder conformar goberno.

Ante o comité executivo, a tamén presidenta do PP local coruñés ratificou que se retira da política activa por motivos persoais, para dedicarse á súa familia, pero tamén para ser "coherente" consigo mesma. "A política debe ser algo transitorio", argumentou Mato, quen trasladou a súa disposición de dedicarse de novo á súa profesión.

No seu discurso, aproveitou tamén para dar as grazas aos seus compañeiros de partido e polas "mostras de apoio" recibidas nestes anos. Ademais, fixo un repaso ás súas distintas responsabilidades políticas, agradecendo o presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que confiase no seu momento nela.

Particularmanete, agradeceu tamén a posibilidade de poder exercer "a política con maiúscula", expuxo sobre a súa presenza na política municipal a actual portavoz do PP no Consistorio.

A súa decisión de abandonar a política activa comunicouna ao comité executivo tras trasladalo, previamente, aos presidentes autonómico e provincial, Alberto Núñez Feijóo e Diego Calvo, respectivamente, segundo informou o PP da Coruña.

TRAXECTORIA

Nada en Barakaldo (Biscaia) en 1965 e licenciada en enxeñaría industrial, en 1994 pasou a formar parte do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no que, a partir de 2000, exerceu como delegada da oficina territorial na Coruña.

No ano 2002 incorporouse á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como delegada provincial na Coruña. Desde 2009 ata 2015 foi conselleira de Traballo e Benestar e en outubro dese mesmo ano asumiu, ata 2018, o cargo de conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Posteriormente, deu o paso á política local.

Afiliada ao PP de Galicia desde o ano 1995, foi presidenta do PP local da Coruña desde 2017. Ademais, desde 2005 foi deputada no Parlamento galego.

Tras a súa decisión de deixar a política, renunciará a estes cargos, así como a súa acta de concelleira. "Nos próximos días presentará formalmente as renuncias", precisaron as fontes consultadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Luisinho

Outra para Ence_ndidos do ocalito ou para abanca_me o cubata. Cheirame.

2 Xavolve

Pra deixar a Política compre primeiro exercela... Non foi o caso. Pepeiros = antipolítica. Algo terá xa en carteira... Vai pra VOXta da vaca?

1 Gamela

Hai prazas libre no C.E.S. ?