Austeridade progresista

O Cumio do Clima e o futuro da democracia.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 20/12/2019

Comparte esta noticia
Rematou a cimeira de Madrid logo de máis de dúas semanas cunha resolución que invita a seguir traballando na edición do ano que vén en Glasgow. Non hai nada máis humano que pospoñer o inevitable. A isto xa apuntaba a feble representación de alto nivel do comezo da reunión, e o feito que antes de comezar a reunión madrileña xa se falaba de que  a cimeira do 2020 era a boa.
 
O feito que este cumio, transplantado do Río de Bolsonaro ao Chile das revoltas contra o neoliberalismo e logo ao IFEMA, se celebrase nunha feira de mostras é ben acaído: se ben os negociadores dos 167 países, entre  diplomáticos e levapapeis deberían ser un milleiro, o número de asistentes foi vinte veces máis: empresas, organizacións de todo tipo, alcaldes e científicos, cada un vendendo a súa mellor mercadoría, e iso sen contar aos oenegueiros e colectivos maiormente españois que non foron quen de obter o ansiado pase á zona azul e se quedaron ás portas na chamada zona verde.  Todo o mundo aplaudiu, máis dun sorprendido, á capacidade de improvisación e xestión de eventos dos anfitrións – houbo quen de non saber nada destes cumios acabou en quince días montando tres seminarios-, pero como dixeron os xestores do IFEMA o salón FITUR atrae a dez veces máis xente (200,000) en “tres” días.  Fóra do recinto, luces de nadal, consumismo a todo meter, moito tráfico con ou sen Madrid Central.    
 
Nestes días puidemos ver á UE da nova presidenta Von der Leyen sacar peito e propor un “Pacto Verde” (Green Deal) acompañado dun “Fondo de Transición Xusta”, cousa de querer a UE ocupar o espazo deixado polos EE.UU e marcar o terreo a China ou India. O problema é que a UE non é un país cun goberno directamente electo senón un organismo internacional que por non ter non ten apenas fondos propios, así que a proposta da nova Merkel europea non deixa de ser prometer máis ambición (cando as Directivas sobre renovables ou eficiencia enerxéticas acaban de actualizarse e nin de lonxe se están a cumprir aínda) e quitar os cartos dun lado (fondos estruturais) para metelos noutro caixón, pero quen paga (Alemaña) xa dixo por boca de Finlandia que máis cartos non van pór. E ao final os poloneses xa dixeron que todo isto non vai con eles. 
 
É preocupante a lixeireza coa que se fala da Transición Xusta  e a promesa de fondos para que pechen as poucas concas mineiras que aínda quedan. É de temer que só con tirar cartos como xa se fixo cos fondos mineiros desde hai trinta anos ao máis que dea será para ter un bonito cadáver. Hai tamén en todo disto un cálculo electoral (os cintos industriais enferruxados tamén votan)  pero como pasou nos Apalaches norteamericanos e na Lorena francesa os “lugares que non importan” acaban pasando de votar utopías socialistas a movementos conservadores. Hai só uns días o chamado “muro vermello” de circunscricións laboristas de décadas cando non vellas dun século, caeu ante a marea azul dun conservadorismo que alomenos ofrece a claridade de rematar coa saga do Brexit.
 
Ás portas do IFEMA e tamén no seu interior activistas fanatizados, liderados por protagonistas beatificados polos medios, berran contra a inacción dos representantes gobernamentais. Ben é certo que a sociedade civil ten que facer valer a súa voz, e que moitas delegacións están máis penetradas polos intereses creados e empresariais ca un queixo gruyere, pero ese halo de desconfianza e tono conspiratorio non deixa de ser tamén unha forma de populismo en sentido inverso e puritano.
 
Como o que é de todos -neste caso, o problema do quentamento global- non é de ninguén non sorprende que o comportamento humano máis racional e pórse de perfil e que se encargue outro, e, se iso non é posible, adaptarse á nova situación. No IFEMA abundaron trebellos ecolóxicos en venda ou en busca de financiamento, cañas de cervexa en vasos de cartón (non está claro que iso sexa máis sostible có vidro) e moitas propostas que dependen da boa vontade.  Fálase das democracias iliberais pero en breve pode que volvan a pórse de moda as chamadas democracias populares. O XX congreso do Partido Comunista Chinés, e segundo da era de Xi Jinping, en 2022 pode ser o momento no que se decida se a ambición do cumio de París se pode cumprir ou non. A diferencia dos mecanismos e incentivos da boa vontade tan propios de Europa un partido centralizado e autoritario coma o chinés pode ordenar de arriba abaixo os inmensos cambios sociais necesarios para que o maior emisor comece a tomar medidas e marque o camiño ao resto dos estados industrializados. Todo dependerá se para daquela of PCCh decide que simplemente adaptarse ó cambio climático non asegura a supervivencia do propio Partido.
 
 Entre a tentación totalitaria duns e a ideoloxía mesiánica doutros a loita contra o cambio climático pode acabar coa democracia tal como a coñecemos. Non ten porque ser así. E para iso é preciso borrar a noción que a austeridade non é algo de esquerdas. Tampouco nada máis conservador hai que gastar o mínimo de recursos posibles, como era o normal antes do consumismo da posguerra mundial. Tamén pola mesma razón cómpre rematar co espellismo dos chamados “trinta gloriosos” que moitos non vivimos pero que moitos aínda anceian. Non voltarán.
 
Neste tempo de nadal, que independente das crenzas de cada un,  é o momento do ano para celebrar e reunírense as familias e botar de menos aos que non xa están, ben podíamos todos  aproveitar para comezar a vivir con menos. Non seriamos menos felices.

Acción polo clima en Santiago de Compostela
Acción polo clima en Santiago de Compostela
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos