Por X.M. Fernández | Verín | 22/12/2019 | Actualizada ás 10:00
Aurora López, referíndose á súa obra durante a presentación, dixo que o cartel ten como corpo central unha ilustración onde aparece a figura principal de Entroido de Verín, o Cigarrón. Este eleva e enxalza o resto de personaxes presentes na creatividade dos que sae a propia festa. "Dentro deses personaxes está representado o Entroido máis tradicional e un Entroido máis moderno que conviven perfectamente, e as cores resaltan o ambiente de troula e alegría", engadiu.
A autora tamén quixo facerlle unha homenaxe a un dos personaxes máis entrañables do noso Entroido, o recentemente falecido “Toni Tarrio”. Segundo recoñeceu "mentres debuxaba faleceu Tarrio e quixen homenaxealo incluíndo no cartel unha pluma de faisán como a que el sempre levaba no seu chapeu". Están presentes ademais no deseño certos lugares moi representativos de Verín como son a ponte, a Praza da Mercé ou a Praza do Cigarrón.
A concelleira de Cultura, Emilia Somoza, moi satisfeita co resultado final do traballo creativo, recoñecía que "realizar o encargo do cartel a unha profesional permitiranos extraer desta mesma imaxe o resto de adaptacións para os diferentes medios de comunicación, así como de elementos de merchandising, evitando así teimosos procesos de dixitalización e encargos de deseño diferentes que non fan máis que diluír a imaxe unificada que mostramos ao exterior e aumentan os gastos innecesarios".
O alcalde, Gerardo Seoane quixo lembrar que o cartel oficial debe ser un elemento publicitario adaptado aos novos medios de comunicación, e que co encargo o que se busca é proxección exterior, unha imaxe potente e atraente de Verín e o seu Entroido. "Co deseño de Aurora creo que o conseguimos", rematou.
AURORA LÓPEZ PÉREZ, A CREADORA
Aurora López Pérez naceu en Albarellos de Monterrei, Ourense, no 1971. Formouse con diversos cursos de debuxo e pintura para chegar ao mundo da animación 2D no ano 1999.
Ten realizado diversas exposicións de pintura, tanto en solitario como acompañada de colectivos dos que forma parte, e realiza tamén traballos de cartelismo e deseño gráfico. No ano 2012 foi finalista do certame de cartelismo Francisco Mantecón de Terras Gauda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.