'Elsa' segue causando estragos e deixa 1.800 incidencias na noite do venres

Os efectos do temporal 'Elsa' non cesan en Galicia. Nas últimas horas causou incidencias entre as que se atopa un falecido e outras persoas feridas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Os efectos do temporal 'Elsa' non cesan en Galicia e nas últimas horas contabilizáronse case 1.800 incidentes entre os que se atopa un falecido e outras persoas feridas. Ao redor das 22,00 horas do xoves, os servizos de emerxencias atoparon o corpo dun octoxenario que faleceu na derriba dun muro do parque de Bonaval, en Santiago, que lle caeu encima.

Por outra banda, o 112-Galicia tivo constancia dun accidente laboral na Gudiña provocado pola caída dunha ponte do municipio. Trátase dun membro do GES da localidade que resultou ferido mentres traballaba na sinalización dunha estrada no lugar da Herosa que estaba alagada.

O suceso ocorreu ás 07,00 horas deste venres, cando a ponte pola que camiñaba cedeu e creou unha focha no que o operario resultou ferido. Aínda que o accidente non revestía gravidade segundo o 112-Galicia, o afectado foi trasladado ao Hospital de Verín.

CASE 1.800 INCIDENCIAS

Ademais destes dous sucesos que causaron danos persoais, contabilizáronse case 1.800 incidentes nas últimas horas. Un total de 628 rexistros sobre a caída de árbores e ramas nas estradas.

Outras 194 chamadas de accións de prevención de risco, 130 chamadas por inundacións nas vías de circulación e 134 en vivendas, así como 46 garaxes afectados. 'Elsa' tamén provocou 69 afeccións nas estradas por obxectos e a caída de 143 cables, postes de luz e de telefonía.

Por provincias, a de Pontevedra foi a máis afectada con 650 incidentes xestionados, A Coruña (594), seguida de Ourense (286) e, por último, Lugo con 216 incidentes rexistrados. En canto aos concellos que máis incidentes rexistraron destacan na provincia da Coruña os de Sada e Carballo con 50 cada un deles, o de Oleiros con 37, o de Cambre con 31 e o de Fene con 24.

Na provincia de Pontevedra, o concello de Vigo con 106, o de Pontevedra con 32, o de Cangas con 30 e o de Mos con 24. Dentro da provincia de Ourense, o concello de Ourense contabiliza 31, o de Verín 20, o de Pereiro de Aguiar 18 e os de San Cibrao das Viñas e Xinzo de Limia con 13 incidentes rexistrados cada un deles.

Por último, na provincia de Lugo destaca o concello de Lugo con 10 incidentes, o de Monforte con 9 e os de Mondoñedo e Pantón con sete incidentes.

DERRUBES E INUNDACIÓNS

Na cidade de Ourense, na rúa das Laxas derrubouse un muro de contención e caeron pedras de gran tamaño que impedían a circulación. 

Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo. EUROPA PRESS - Arquivo
Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

En Bueu derrubouse un muro de pedra e terra de grandes dimensións que provocou o corte parcial da EP-1302. Tamén esta noite en Arteixo, os efectivos de Protección Civil comunicaron ao 112 Galicia a inundación da estrada que une Caión e Balcobo, en Morás. Ademais, no mesmo municipio alagouse a área Recreativa de Seixedo e un desprendemento provocou o corte dunha estrada na zona de Frial.

En Verín, Protección Civil da localidade sinalizou o corte dun tramo da estrada que vai da vila a Cabreiroá, tamén por inundación. Así mesmo, en Carballo, a Policía Local informaba de dous coches atrancados na recta de Rus, por mor dunha bolsa de auga. Un dos implicados foi quen alertou ao 112 Galicia e ninguén resultou ferido.

En Ames a estrada DP-0201 estivo cortada ao tráfico na Ponte de Manzano polo desbordamento do río Tambre. A Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e o GES de Brión actuaron para restablecer as condicións de seguridade.

INCOMUNICADOS

Pola súa banda, o pobo de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo, atópase incomunicado pola inundación da ponte que comunica esta poboación coa estrada. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, todos os habitantes atópanse en bo estado, pero das 20 vivendas da vila dúas resultaron afectadas.

Foi unha persoa particular quen dió conta da situación ao 112 Galicia ao fío das 5,00 horas da madrugada. A partir de aí, informouse á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo, á Garda Civil, ao GES da Gudiña e aos Bombeiros de Valdeorras como medida de prevención.

En Val do Dubra alagouse o patio dun colexio en Portomouro polo desbordamento do río Tambre. Por iso, a modo de prevención, o alumnado saíu antes da hora estimada das súas instalacións. Foi a Agrupación de Protección Civil da localidade quen alertou dos feitos ao 112 Galicia ao fío das 14,00 horas deste xoves. Enseguida, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Garda Civil.

VÍAS FERROVIARIAS

Por outra banda, as condicións meteorolóxicas adversas provocaron o corte da liña ferroviaria de Ourense a Vigo. O xoves produciuse o derrube de 14 eucaliptos sobre a vía e os operarios de Adif seguen traballando para restaurar as condicións da vía.

Fontes do administrador informaron a Europa Press da "complexidade" das obras e de momento estableceron un plan alternativo de transporte por estrada para os viaxeiros de longa distancia. Tamén decidiron desviar algúns trens e levalos ata Santiago para realizar o traxecto ata Vigo desde alí. O resto de incidencias foron puntuais e xa se han resulto.

ACTIVIDADES SUSPENDIDAS

Para evitar máis incidencias, suspendéronse as actividades ao aire libre pola alerta laranxa que está activada no territorio galego.

Pontevedra decidiu pechar as instalacións deportivas municipais ao aire libre (rugby e fútbol) e a suspensión tamén afectará á xornada do sábado. Por outra banda, o programa de actividades de nadal 'Ponte Xogos' trasládase ao Centro Social.

En canto aos cortes de luz en Galicia, a pesar de que a última hora do xoves rexistráronse 3.500, na mañá deste venres quedou normalizada a situación da distribución da rede eléctrica, segundo manifestaron fontes de Naturgy a Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta