Temas: ASASINATO BOIRO

Condenado a nove anos de prisión o home que matou a unha amiga coa que convivía en Boiro

Considérase probado "o ánimo de matar", pois o condenado dirixiu o ataque cara a unha zona vital do corpo e, ademais, cunha gran cantidade de puñaladas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2019 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a nove anos de cárcere o home que matou a puñaladas a unha amiga coa que convivía en Boiro (A Coruña), uns feitos sucedidos en xullo de 2017.

Xulgados.
Xulgados.

Así o informou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O fallo emítese despois de que hai xusto unha semana o xurado popular declarase ao home culpable de homicidio doloso coa eximente incompleta de embriaguez, dado que considerou probado que, no momento da agresión, o condenado "tiña profundamente afectada, pero non anulada, a súa capacidade de saber o que estaba a facer ou de controlar os seus impulsos porque consumira gran cantidade de bebidas alcohólicas, así como cocaína".

O sospeitoso e a vítima, segundo a sentenza, iniciaron unha discusión por motivos económicos na cociña da vivenda da muller durante a madrugada do 31 de xullo de 2017. No transcurso da disputa, o acusado colleu un coitelo coa intención de agredila, ante o cal a vítima fuxiu cara á planta superior da casa.

O home, con todo, alcanzouna na planta superior e cravoulle a arma branca en repetidas ocasións e en diversas zonas do corpo, o que lle causou a morte.

O acusado, segundo o xurado popular, "sabía que unha agresión desa clase xeraba un grave risco de causarlle a morte e, a pesar diso, fíxoo e non desistiu da agresión".

Entre outras cousas, o Tribunal do Xurado considerou determinantes para o seu veredicto "a localización, intensidade e repetición dos golpes asestados co coitelo, medio idóneo para causar a morte".

O maxistrado presidente sinala na sentenza que se considerou probado "o ánimo de matar", pois o condenado dirixiu o ataque cara a unha zona vital do corpo e, ademais, a gran cantidade de puñaladas "puxeron de manifesto a persistencia no ataque".

Temas: ASASINATO BOIRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta