Medio Rural anima as denominacións de orixe a aproveitar as vantaxes da Lei de recuperación da terra

O último tramo de axudas para a Política Agraria Común rozou os 162 millóns de euros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2019 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, reuniuse este domingo cos responsables dos consellos reguladores das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas para animalos a "coñecer e aproveitar as vantaxes" da Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.

A reunión forma parte da roda de contactos que o conselleiro esta mantendo con diferentes sectores vinculados ao rural para darlles a coñecer o proxecto normativo, que iniciará "proximamente" a súa tramitación.

Así, sinalou ás entidades que a nova lei "favorece, entre outras cousas, a ampliación da base territorial das explotacións ou a remuda xeracional do campo" e resaltou o Banco de Explotacións que propón a norma cuxo fin é "facilitar o contacto" entre titulares de explotacións que abandonan as súas terras e persoas interesadas na súa incorporación.

ABANDONO E INFRAUTILIZACIÓN

Por outra banda, a través dun comunicado, sinalou que o principal obxectivo da lei é "loitar contra o abandono e a infrautilización" a través da mellora e ampliación da base territorial ás explotacións agrogandeiras e forestais "que a necesitan".

Ademais, a norma, que xorde tras os incendios de 2017, "procurará anticiparse" aos lumes e "traballar pola recuperación demográfica e a mellora de calidade de vida no rural" mediante "ferramentas voluntarias" como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario.

POLÍTICA AGRARIA COMÚN

Ademais disto, a Consellería realizou xa o último pago correspondente ás axudas da Política Agraria Común con valor de case 162 millóns de euros.

Estas axudas benefician, segundo un comunicado de Medio Rural, a 24.600 agricultores e gandeiros galegos. Os últimos pagos corresponden a axudas directas pendentes, con valor de 144,1 millóns de euros, e de zonas con limitacións naturais de desenvolvemento rural, con 17,8 millóns.

A Consellería informou tamén, que Galicia foi unha das primeiras autonomías en realizar estes pagos no pasado mes de outubro, co fin de "dar liquidez ás explotacións gandeiras galegas".

O conselleiro de Medio Rural, José González, reúnese cos responsables dos consellos reguladores de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. XUNTA
O conselleiro de Medio Rural, José González, reúnese cos responsables dos consellos reguladores de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta