PSOE, Marea Atlántica e BNG pactan un orzamento de 260 millóns para 2020 na Coruña

O PP critica o acordo, que cualifica como un "pacto á siciliana".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2019 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Os grupos municipais de PSOE, Marea Atlántica e BNG alcanzaron un acordo político sobre o orzamento para 2020 na Coruña, que ascenderá a 260 millóns, segundo informou a alcaldesa, Inés Rey, nunha comparecencia xunto aos portavoces municipais de Marea Atlántica e BNG, María García e Francisco Jorquera, respectivamente.

En rolda de prensa, a rexedora remarcou que se trata dunha contía "histórica", en referencia ao importe, á vez que vinculou o acordo coa necesidade de chegar a acordos. "Os cidadáns votan pluralidade", sentenciou a este respecto tras uns resultados municipais cun goberno socialista sen os votos necesarios para gobernar en solitario.

Do citado acordo político, --resultado dunhas negociacións que comezaron en outubro--, destacou que busca promover un orzamento que "chegue a todos os barrios" e que inclúa políticas vinculadas coa reactivación económica, o benestar social ou a sustentabilidade. Ademais, resaltou a aposta pola "mobilidade".

Mentres, a portavoz municipal de Marea Atlántica, María García, afirmou que o acordo político responde "á maior parte das propostas" que presentou esta formación. Entre elas, citou "o benestar das persoas; a igualdade de xénero; a loita contra o cambio climático; as políticas de mobilidade, de vivenda e sobre todo unha repartición territorial xusto entre os barrios".

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, manifestou que o acordo permitirá un orzamento "cun incremento importante do investimento". A iso, sumou outras medidas como a elaboración dun plan para a industrialización da Coruña e a súa área metropolitana ou a dinamización do pequeno comercio.

CRÍTICAS DO PP

Tras facerse público este acordo, o PP argumentou que, con el, a alcaldesa, "cede, unha vez máis, á chantaxe da Marea". "Optou polo sectarismo, no canto de polo diálogo, ao pactar o orzamento con populistas e nacionalistas sen facilitar un só folio ao tecido social e económico da cidade nin ao único partido de oposición", sinala sobre esta formación.

Ademais, ve "preocupante" para a cidade "que sexa Marea quen ordene e o PSOE quen obedeza, co BNG de palmeiro". Tamén o cualifica como "un pacto á siliciana", asegurando que se negociou "na escuridade dos despachos". No seu comunicado, anuncia, ademais, que presentará no pleno de aprobación do orzamento medidas concretas para "reverter a parálise" na cidade.

A alcaldesa, Inés Rei, e os portavoces de Marea Atlántica e BNG, María García e Francisco Jorquera, asinan un acordo sobre o orzamento de 2020. BNG
A alcaldesa, Inés Rei, e os portavoces de Marea Atlántica e BNG, María García e Francisco Jorquera, asinan un acordo sobre o orzamento de 2020. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta