Temas: DéFICIT

O déficit de Galicia dispárase e sitúase por enriba do obxectivo de 2019 e da media das comunidades autónomas

Creceu a 352 millóns e o 0,54% do PIB ata outubro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2019 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

O déficit de Galicia aumentou ata 352 millóns de euros nos dez primeiros meses do ano, o que supón o 0,54% do Produtor Interior Bruto (PIB), segundo os datos que publica este luns o Ministerio de Facenda.

Déficit de Galicia ata outubro
Déficit de Galicia ata outubro | Fonte: Europa Press

Deste xeito, Galicia está por enriba do déficit da media de comunidades (do 0,35% do PIB), así como do obxectivo de déficit marcado para este ano (do 0,1%).

En comparación co mesmo período de 2018, o déficit dispárase, xa que o pasado ano Galicia contaba cun superávit de 226 millóns (+0,36%). Se a comparativa se fai co mes anterior (de setembro) sobe de 279 a 352 millóns, así como do 0,43% ao 0,54% do PIB.

As comunidades autónomas rexistraron un déficit de 4.428 millóns de euros no dez primeiros meses do ano, o 0,35% do PIB, fronte ao superávit de 1.632 millóns do ano pasado, cando supuxo o 0,14% do PIB.

De feito, só catro comunidades presentaron superávit ata outubro: Canarias (+0,87%), Navarra (+1,16%), A Rioxa (+0,02%) e País Vasco (+0,9%). O resto rexistraron déficits, con Castela-A Mancha á cabeza (-1,42%).

O déficit do Estado reduciuse un 6,2% nos once primeiros meses do ano, ata os 10.987 millóns de euros, o que supón o 0,88% do PIB, fronte ao 0,97% do mesmo período do ano pasado, aínda que o déficit do conxunto de administracións públicas, excluíndo as corporacións locais, subiu un 35% entre xaneiro e outubro, ata os 17.577 millóns de euros, o 1,41% do PIB.

Temas: DéFICIT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta