Gonzalo Caballero pide a Feijóo que deixe a súa "estratexia cainita" e anima os deputados do PP a investir a Sánchez

O socialista reta ao presidente da Xunta a acabar o ano "rompendo calquera vía de acordo coa ultradereita".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2019 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, retou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a abandonar a súa "estratexia cainita" para demostrar a súa "centralidade" instando os deputados galegos do Partido Popular a facilitar a investidura do socialista Pedro Sánchez.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

O xefe de filas dos socialistas galegos acusou os populares de exercer unha oposición "cainita" e de "perder o sentido de Estado". Así, criticou que "non fagan máis que queixarse" de que o Partido Socialista negocie cos nacionalistas para a investidura mentres non achegan responsabilidade para favorecer a investidura de Sánchez.

De feito, despois de lamentar que "a coalición das dereitas coa ultradereita segue sendo un problema para o país", Gonzalo Caballero criticou o discurso "falaz" sobre que os acordos para a investidura de Pedro Sánchez "pon en risco o modelo constitucional".

"Nós somos a mellor garantía da defensa da Constitución", subliñou o xefe de filas do PSdeG, que considerou que "o Partido Popular perde toda a credibilidade cando non entende que non se pode ir a terceiras eleccións e prefire seguir obstaculizando".

Gonzalo Caballero lembrou que xa van máis de "oito meses" sen que haxa un Executivo en plenitude de funcións e asegurou que "toca" que haxa "cando antes" Goberno. "Toda a axenda política está pendente de que se poida configurar un Goberno que atenda as necesidades do país", sinalou.

Neste contexto, subliñou que a "única opción" que ten condicións e os apoios para levar a cabo a investidura dun presidente do Goberno é o Partido Socialista.

"PREOCÚPANOS A ULTRADEREITA"

Tas reprobar que o PP prefira seguir "no bloqueo", Gonzalo Caballero volveu cuestionar os acordos dos populares coa ultradereita.

No caso concreto de Galicia, lembrou que Vox obtivo 100.000 votos nos últimos comicios. "Nós combateremos a ultradereita con toda a nosa forza, porque pon en risco o noso modelo de convivencia", advertiu.

Por iso, instou ao presidente da Xunta a rematar o ano "rompendo calquera vía de acordo" coa ultradereita".

GOBERNO PROGRESISTA EN GALICIA

Precisamente, preguntado pola posibilidade de que a esquerda rupturista chegue a acordos electorais para presentarse ás galegas de 2020, Gonzalo Caballero asegurou que o que lle preocupa é que tras estes comicios "haxa un goberno progresista" que "posibilite o avance, a modernización e que responda á maioría social" vista nas tres convocatorias electorais de 2019.

"É importante que a maioría social progresista que existe en Galicia alcance un goberno de progreso, porque xa sabemos que o PP vai xogar coa coalición das tres dereitas", avisou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta