Detido un veciño de Pontevedra por agredir a súa parella e o seu propio pai

A muller presentaba lesións nunha man e na cabeza, tras ser supostamente golpeada e empuxada polas escaleiras.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 26/12/2019 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

A Policía Local de Pontevedra detivo e puxo a disposición xudicial a un pontevedrés acusado de violencia machista, tras agredir á súa parella e ao seu propio pai.

Segundo informaron fontes da Xefatura da Policía Local, os feitos ocorreron na madrugada de 25 de decembro, ás 04,55 horas, nunha vivenda da parroquia de Mourente, cando o pai do presunto agresor pediu a asistencia dos servizos de emerxencias.

O ateigado da intervención recolle que tanto o pai do presunto agresor como a parella do detido presentaban lesións de diversa consideración e, tras unha primeira valoración por parte do facultativo da ambulancia do 061 que se personou no lugar, a muller foi trasladada ao servizo de urxencias do Hospital de Montecelo. O pai foi trasladado máis tarde, tras prestar declaración para esclarecer os feitos.

A muller presentaba lesións nunha man e na cabeza, tras ser supostamente golpeada e empuxada polas escaleiras, e o pai presentaba lesións nun ollo e na boca tras ser golpeado cando tentaba interceder entre o fillo e a parella.

Pola súa banda, o detido tamén foi derivado primeiro á PAC da Parda e, posteriormente, ao servizo de urxencias de Montecelo debido a unha fisura na man esquerda. No momento do arresto, na mesma vivenda tamén se atopaban a parella do pai e a filla menor do detido, que presenciou os feitos.

Imaxe duns xulgados.
Imaxe duns xulgados.

CASO DUN MOZO AGREDIDO

A Policía pide a colaboración cidadá para tratar de localizar un home de entre 35 e 40 anos de idade que o pasado mes de novembro agrediu "brutalmente" a un mozo de 19 anos en Pontevedra e lle cortou a cara cun vaso.

Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon ao longo destas últimas semanas á detención de varias persoas por diferentes feitos violentos denunciados en dependencias policiais e que teñen como nexo común que todos eles comezaron de madrugada, en locais de lecer nocturno ou nas súas inmediacións, e que, como consecuencia, diferentes persoas resultaron lesionadas de certa entidade.

Segundo explicaron nun comunicado, un dos casos "máis relevantes de agresión con resultado de lesións graves" dos últimos meses continúa en investigación, dado que, "a pesar das moitas declaracións de testemuñas", aínda "non se puido chegar a identificar o autor dos feitos".

Os feitos ocorreron na madrugada do día 17 de Novembro, pouco despois das 05,00 horas, na zona vella de Pontevedra, máis concretamente nas inmediacións dun pub da Rúa Maceda, cando un mozo de 19 anos de idade foi "agredido brutalmente cun vaso de cristal na cara".

O mozo sufriu "importantes lesións no rostro", das que tivo que ser intervido cirurxicamente "e que, moi posiblemente, lle deixen secuelas en forma de cicatrices durante moito tempo", explican os axentes.

En relación a esta agresión "apenas hai datos fiables das características do autor da agresión", do que se sabe que se trata dun home de entre 35 e 40 anos, con pouco pelo --ben calvo ou ben rapado-- que, despois de agredir ao mozo, marchou camiñando do lugar en compañía doutros homes.

A Policía solicitou a colaboración cidadá dalgunha persoa que fose testemuña da agresión e puidese achegar algún dato de interese para lograr a identificación do autor dos feitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta