Traballadores de Armesa protestan en Santiago contra o peche da empresa e o despedimento de 15 empregados

Denuncian que os despedimentos obedecen unicamente a que os administradores "queren pechar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2019 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Traballadores da empresa de carpintaría metálica Armesa protestaron este xoves ante a sede en Santiago de Compostela contra o peche da compañía, que suporá o despedimento de 15 empregados.

Baixo unha pancarta na que se podía ler 'Armesa, pagade aos obreiros', os traballadores demandaron tamén que se lles abonen as nóminas que se lles debe dos meses de novembro e decembro, así como a paga extra de Nadal.

O representante sindical dos traballadores de Armesa, Martín Bautís, explicou que hai unhas semanas a empresa decidiu iniciar un ERE extintivo, que suporá o fin da actividade o próximo 4 de xaneiro, co despedimento dun persoal que na súa maioría son homes maiores de 45 anos de difícil empregabilidade posterior.

"Non sabemos os motivos", queixouse este representante sindical, que asegura que a compañía conta con "carga de traballo" suficiente para garantir a continuidade, pero recrimina que os despedimentos obedecen unicamente a que os administradores "queren pechar".

De feito, reprochan que os responsables da empresa rexeitaron todas as alternativas que se ofreceron para manter a actividade, como a creación dunha cooperativa de traballadores ata unha posible compra por parte de terceiros. Por todo iso, os traballadores seguirán mobilizándose ata que cobren as cantidades que lles deben.

Traballadores de Armesa protestan en Santiago contra  o seu despedimento. CEDIDA
Traballadores de Armesa protestan en Santiago contra o seu despedimento. CEDIDA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta