Unha enquisa sitúa os hospitais universitarios da Coruña e Santiago como os mellores de Galicia

O Índice de Excelencia Hospitalaria (IEH 2019) apunta que o Hospital Quirónsalud Coruña ascende á terceira posición respecto da cuarta do índice de 2018, en detrimento do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, que este ano pasa ao cuarto posto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2019 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

O Hospital Universitario A Coruña e o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela consolídanse como os dous mellores de Galicia, segundo o Índice de Excelencia Hospitalaria (IEH 2019) que elabora o Instituto Coordenadas de Gobernación e Economía Aplicada entre profesionais da saúde.

O Hospital Universitario A Coruña repite por terceiro ano consecutivo como mellor hospital de Galicia, mentres que a segunda posición, un ano máis, é para o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, segundo este estudo elaborado a partir de entrevistas telefónicas realizadas entre setembro e novembro de 2019 a 1.983 profesionais da saúde.

Este estudo apunta que o Hospital Quirónsalud Coruña ascende á terceira posición respecto da cuarta do índice de 2018, en detrimento do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, que este ano pasa ao cuarto posto.

Pola súa banda, pecha a listaxe dos cinco mellores hospitais galegos o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que se estrea nas primeiras posicións do ranking.

Segundo unha nota de prensa do Instituto Coordenadas de Gobernación e Economía Aplicada, os profesionais da saúde que participaron na enquisa foron seleccionados "por capacitación profesional e vinculación cos centros sanitarios ou a súa contorna".

No conxunto estatal, o Índice de Excelencia Hospitalaria 2019 destaca, por quinto ano consecutivo, a Fundación Jiménez, do Grupo Quirónsalud, como o mellor hospital de España. O Hospital Clinic de Barcelona recupera a segunda posición que xa ocupara nas edicións de 2017 e 2016, mentres que o Hospital Universitario La Paz descende ao terceiro lugar.

Indice de Excelencia Hospitalaria 2019. INSTITUTO COORDENADAS DE GOBERNACIÓN
Indice de Excelencia Hospitalaria 2019. INSTITUTO COORDENADAS DE GOBERNACIÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta