Os galegos cobran unha pensión 150 euros por baixo da media estatal

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto que recolle que as pensións subirán un 0,9% unha vez haxa Executivo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2019 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A pensión media galega subiu un 0,4% en decembro en comparación co mesmo mes do ano anterior, ata situarse en 845,9 euros, segundo os datos que publica este venres o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

Esta cifra é a segunda máis baixa entre comunidades, só con Estremadura con peores datos (829,3 euros). Galicia está 150 euros por baixo da media española (995,76 euros). A Comunidade galega conta con 767.634 pensionistas.

A pensión por xubilación está de media en Galicia en 961 euros, 70 euros por baixo do que se percibe no Estado (1.031,7 euros), e percíbena 480.469 persoas.

A de viuvez está nos 603,4 euros, 62 euros menos que a media española e percíbena 186.968 galegos. Pola súa banda, a de incapacidade permanente está en Galicia nos 884,2 euros (con 70.009 persoas).

Así mesmo, en Galicia a de orfandade está en 400 euros (con 23.552 perceptores), mentres que a pensión en favor de familiares é de 517,5 euros (con 6.636 persoas).

Ademais, en Galicia hai 230.990 pensións con complemento a mínimos. Son o 30% do total en Galicia (supoñen o 37% do total de pensións de mulleres e o 22% no caso dos homes), unha taxa seis puntos por encima da media española.

Pensión media galega a 1 de decembro de 2019. EPDATA
Pensión media galega a 1 de decembro de 2019. EPDATA | Fonte: Europa Press

SUBA DO GOBERNO

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto que recolle medidas en materia tributaria, catastral e de Seguridade Social no que se apunta que as pensións subirán un 0,9% unha vez haxa Executivo.

Así o sinalou a portavoz do Goberno, Isabel Celaá, tras celebrarse o último Consello de Ministros do ano, onde resaltou tamén que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) se elevará conforme ao que acorden sindicatos e patronal no diálogo social cando se forme Goberno.

En concreto, sobre as pensións, Celaá explicou que unicamente se fará unha única revalorización do 0,9% "no momento preciso" e non dous, unha do 0,25%, e outra co 0,65% restante polo gasto que supón non só de custo, senón de infraestrutura loxística.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta